O TS desmonta todos argumentos de Alcoa e confirma a nulidade do ERE
A CIG acolle con enorme satisfacción o auto do Tribunal Supremo que ratifica, en todos os seus aspectos, a sentenza pola que se declarou a nulidade do ERE de Alcoa, tirando abaixo punto por punto o recurso da empresa. A CIG entende que este tiña que ser o resultado final de todo o periplo xudicial contra o expediente extintivo, tendo en conta a mala fe amosada pola empresa no período de negociacións, como consecuencia da interpretación máis regresiva da reforma laboral.
Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, hoxe "vólvese confirmar xudicialmente a razón que asiste aos traballadores e ás traballadoras na súa loita contra os despedimentos e o peche da fábrica de aluminio. Alcoa debe tomar nota, dar un paso atrás e permitir unha solución que garanta a continuidade produtiva e de todos empregos".
Subliña que "a situación actual de incerteza e ameazas non pode continuar" e se Alcoa non materializa unha saída viábel e verificábel nas próximas semanas, o goberno español e o goberno galego teñen a obriga de aplicar esa solución, procedendo á intervención pública da factoría de San Cibrao para impedir que a empresa poida levar adiante o desmantelamento das instalacións pola vía dos feitos consumados.
"Abonda de inacción e de promesas incumpridas. A vía xudicial está esgotada. Como temos dito en reiteradas ocasións, este conflito non se resolve nos xulgados, ten que resolverse pola vía política. Os tribunais xa non poden ser o parapeto detrás do que se agochen os gobernos", asevera Carril. Neste senso, advirte que Alcoa ten tomada unha decisión e non quere que se siga producindo aluminio primario na Mariña, por iso urxe a intervención pública, "e canto máis tarden os gobernos nesa necesaria expropiación, máis corresponsábeis serán das decisións que poida adoptar a multinacional".
A intervención pública, tal e como se evidencia no informe xurídico solicitado pola CIG á UdC, resulta plenamente conforme ao ordenamento español e europeo e podería facela tanto a Administración estatal, como a galega ou ambas as dúas. Pero ademais de legal, esta actuación é perfectamente viábel como pon de manifesto o caso da fábrica de Portovesme (Italia) pechada no seu día por Alcoa e hoxe en activo tras o seu paso polo sector público, a través dunha sociedade similar á SEPI.