O Tribunal Supremo rexeita o recurso de Sargadelos: sete anos despois, a nulidade do ERE é firme
O Tribunal Supremo vén de comunicar a non aceptación do recurso interposto por Cerámicas Sargadelos (Cervo) contra a sentenza que declaraba a nulidade do ERE formulado e parcialmente aplicado pola empresa no ano 2010. Esta resolución, que dá a razón ao defendido pola CIG, pon fin ao longo camiño administrativo e xudicial que as traballadoras e os traballadores afectados tiveron que recorrer para veren recoñecidos os seus dereitos.
“Suplícase (...) se acorde estimar integramente o presente recurso, declarando a nulidade ou subsidiariamente anulando o acto administrativo impugnado, deixándoo sen efecto e recoñecendo o dereito das traballadoras afectadas á reincorporación nos seus postos de traballo”.
Así, explica o secretario da Unión Local da CIG da Mariña, Xorxe Caldeiro, remataba o recurso de alzada interposto pola CIG diante da Delegación Territorial da Consellería de Traballo o 28 de outubro de 2010, co que se iniciaba un longo camiño administrativo e xudicial que rematou o pasado mes de decembro de 2017. A mediados dese mes, o Tribunal Supremo declara a non aceptación a trámite do recurso interposto pola fábrica de Cerámica de Sargadelos e, polo tanto, dálle firmeza á sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo de Lugo, de 3 de decembro de 2014, e que fora ratificada polo TSXG en decembro de 2016.
Ambas sentenzas avalaban a petición inicial da CIG de nulidade do ERE de extinción redactado unilateralmente pola empresa en setembro de 2010 (sen contar co apoio do cadro de persoal nin do comité), a súa aprobación pola administración e a posterior aplicación parcial co despedimento de 8 traballadores e traballadoras no mes de outubro dese ano.
Mandato da asemblea
A CIG iniciou este camiño pola vía administrativa ante o mandato da asemblea de traballadores/as, mandato que fora incumprido polos sindicatos que ostentaban a maioría nese momento no comité de empresa.
"Vemos ratificada, por fin, a nosa denuncia de que a empresa non achegou a documentación precisa para a negociación do ERE, ao negar a realidade de que formaba parte dun grupo empresarial e, polo tanto, a empresa tiña que ter achegado información económica de todo o grupo e non só da Fábrica de Sargadelos. A Delegación da Consellería de Traballo tiña, coa lexislación daquela época, a potestade para aprobar ou non o ERE e, incomprensibelmente, non atendeu á nosa reclamación", subliña Caldeiro.
Aínda que este aspecto é suficiente para anular a aprobación do ERE, había outro argumento, recollido no propio e preceptivo informe da Inspección de Traballo, que tamén debera ter provocado a non autorización do ERE por parte da administración autonómica.
Trátase da ausencia de criterios de selección do persoal “elixido” para o ERE, dos que segundo a Inspección “non se achega ningún tipo de información, documentación nin xustificación sobre o sistema utilizado para (...) designar os afectados”. A propia sentenza recoñece explicitamente que a administración non debera ter admitido o ERE proposto, pola ausencia deste requisito.
"Resulta evidente, e contra do manifestado publicamente por algún responsábel do Partido Popular naquel momento, que a Delegación de Traballo non se limitou a “actuar en base aos informes técnicos”, senón que máis ben ignorounos", apunta o responsábel da Unión Local da CIG da Mariña.
O conflito resólvese sete anos despois
Sobre o tempo transcorrido, Caldeiro valora que "sabemos que a lentitude da xustiza é froito da falta de recursos e investimentos, pero sete anos para resolver unha cuestión de tanta transcendencia para unha empresa e, sobre todo, para as verdadeiras vítimas, os traballadores e as traballadoras, é un período de tempo a todas luces excesivo. Non temos a máis mínima dúbida de que a responsabilidade de ter chegado a este punto é da empresa por ter feito mal as cousas no seu momento, pola súa incapacidade para negociar, pola teimuda estratexia de adiar os problemas mediante o recurso da 'patada adiante'".
Mais tampouco se pode obviar que a administración autonómica cometeu erros de consideración e ignorou as alegacións da CIG, o informe que presentado diante da Consellería, o tratado nas reunións coa Dirección Xeral de Relacións Laborais, a presentación de máis de 5.000 sinaturas, as concentracións, manifestacións, etc.
Reincorporación no posto de traballo
Agora a fábrica de Sargadelos ten que remediar esta inxustiza, rematar co pesadelo que levan padecido estas oito vítimas e executar a sentenza que anula a resolución que aprobou o ERE e que recoñece o “dereito das persoas traballadoras afectadas á reincorporación aos seus postos de traballo, con aboamento das cantidades deixadas de percibir en concepto de salarios dende as extincións dos seus contratos así como a retroacción da alta co aboamento das cotas correspondentes na Seguridade Social”.