O Tribunal Supremo reitera que a carreira profesional é para todo o persoal
A sentenza gañada pola CIG contra a orde que regula o grao I do sistema extraordinario da carreira profesional xa é firme ao inadmitir o Tribunal Supremo o recurso da Xunta. Confírmase así a obriga que a sentenza gañada no TSXG establece para a Xunta de “recoñecer o dereito destes colectivos a participar no procedemento de recoñecemento do grao de carreira profesional, e condenar á Administración a estar e pasar por tal declaración.”
Fundaméntase a providencia na “carencia no recurso de interese casacional obxectivo para a formación de xurisprudencia”. E isto é así porque o Tribunal Supremo xa se pronunciou en innumerábeis ocasións no sentido de que a carreira profesional ten que ser universal.
De feito explica que xa se inadmitiron recursos similares a este, “preparados pola mesma administración recorrente e de similar fundamentación do interese casacional, en cuxas providencias de inadmisión xa se poñía de manifesto que sobre as cuestións de fondo que se presentan no recurso, existen pronunciamentos do TS que resolven a cuestión prantexada e que son seguidos pola sentenza agora recorrida”.
A Xunta ten agora dous meses para executar a sentenza e incluír a todo o persoal que cumpra os requisitos, sexa funcionario de carreira ou persoal interino ou laboral, no ámbito subxectivo do primeiro grao extraordinario.
Aínda que algunhas compañeiras e compañeiros xa comezaron a cobrar, incluídos os atrasos, porque as sentenzas individuais foron máis adiantadas, este pronunciamento faino xa con carácter xeral para quen cumpra os requisitos que xa se estableceran para o persoal funcionario de carreira.
Coas sentenzas gañadas na man, a CIG-Administración Autonómica está disposta a negociar con Función Pública as modificacións necesarias para dar este dereito a quen até o de agora se lle negou.
Tal e como lembra a responsable nacional da CIG-Administración Autonómica, “non esquecemos tampouco que a Xunta suspendeu unilateralmente o dereito ao cobro do grao II, polo que non imos admitir que se negocie unha cousa sen poñer en marcha a outra”.
Por iso urxe a “que se poñan a traballar e senten a negociar sen esgotar o prazo que nos obrigue a solicitar a execución de sentenza”.