O Tribunal Supremo recoñece que o persoal de Servicarne en Coren era falso autónomo
O Tribunal Supremo ditou o pasado 15 de outubro a sentenza nº 906/2025 pola que recoñece que as persoas traballadoras de Servicarne que prestaban servizos para o grupo ourensán Coren debían ser consideradas asalariadas por conta allea e non socias cooperativistas, como sostiña a empresa.
A resolución, asinada pola Sala do Social do Tribunal Supremo, estima os recursos interpostos pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, ao que sumou a CIG, e anula a doutrina previa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que avalara este modelo cooperativo. O alto tribunal conclúe que Servicarne carecía de estrutura e medios propios, limitándose a ceder man de obra de forma fraudulenta, polo que existía unha relación laboral directa entre Coren e as persoas traballadoras.
Segundo o Supremo, Servicarne actuaba unicamente como intermediaria encuberta, mentres era Coren quen organizaba o traballo, daba as ordes e controlaba a produción, o que define unha auténtica relación laboral. Esta decisión ten un impacto directo sobre máis de 900 persoas empregadas, que durante anos estiveron inscritos como falsas autónomas no Réxime Especial de Traballadores/as Autónomos/as.
Anos de fraude laboral
A CIG, que leva tempo denunciando esta situación, considera a sentenza como unha “vitoria histórica” da clase traballadora galega fronte a un sistema que encubría explotación laboral baixo a forma de cooperativas de traballo asociado.
Na central sindical lembran que este modelo foi empregado durante anos por diversas empresas do sector cárnico para evitar cotizacións sociais, precarizar o emprego e vulnerar dereitos fundamentais. “Esta decisión xudicial dálle a razón a quen levamos anos denunciando que o modelo de Servicarne e de Coren era unha fraude laboral masiva. É unha conquista da dignidade e dos dereitos laborais”, rematan.
Asemblea informativa
A FGAMT-CIG de Ourense convoca asembleas informativas de persoas afiliadas de Coren o vindeiro martes 4 de novembro no salón de actos da Casa Sindical ás 11:30 e ás 18:30 horas para explicar o contido e as consecuencias desta importante sentenza e analizar os próximos pasos tanto de acción sindical como xurídica.