O Tribunal Supremo recoñece que o persoal de Servicarne en Cogal era tamén falso autónomo
Unha sentenza publicada onte polo Tribunal Supremo recoñece tamén o carácter de falso autónomo do persoal de Servicarne que traballaba na cooperativa Conejos Gallegos (Cogal), con sede na localidade pontevedresa de Rodeiro, de igual xeito que aconteceu recentemente con Coren de Ourense ou Novafrigsa de Lugo. A FGAMT-CIG convoca unha asemblea aberta de persoas traballadoras este sábado en Lalín para informar sobre o proceso que se abre a partir de agora de reclamación diante da Seguridade Social e de negociación coa empresa.
A resolución xudicial, que estima os recursos interpostos pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social -aos que sumou a CIG-, establece que o persoal da falsa cooperativa Servicarne que desenvolvía o seu traballo en Cogal tiña que ser considerado asalariado por conta allea e non socio cooperativista.
Ao igual que nas sentenzas anteriores, o alto tribunal conclúe que Servicarne carecía de estrutura e medios propios, limitándose a ceder man de obra de forma fraudulenta, polo que existía unha relación laboral directa entre Cogal e as persoas traballadoras.
Queda acreditado deste xeito o que a CIG leva anos denunciando: que Servicarne actuaba unicamente como intermediaria encuberta, mentres que as empresas ás que lles cedía persoal eran as que organizaban o traballo, daban as ordes e controlaban a produción, o que define unha auténtica relación laboral.
A decisión do Supremo ten un impacto directo sobre unhas 70 persoas empregadas, que durante anos estiveron inscritas como falsas autónomas no Réxime Especial de Traballadores/as Autónomos/as, aínda que algunhas delas xa non traballan en Cogal.
Explotación laboral
A central sindical leva preto dunha década en loita contra un sistema que encubría explotación laboral baixo a forma de cooperativas de traballo asociado e que foi empregado durante anos por diversas empresas do sector cárnico para evitar cotizacións sociais, precarizar o emprego e vulnerar dereitos fundamentais. “Esta decisión xudicial dálle a razón a quen levamos anos denunciando que o modelo de Servicarne era unha fraude laboral masiva”, sinalan dende a CIG.
Precisamente para informar sobre o contido da sentenza e sobre o proceso que se abre agora de reclamación diante da Seguridade e de negociación con Cogal, a FGAMT-CIG ten convocada unha asemblea informativa que terá lugar este sábado 6 de decembro no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero de Lalín ás 10:30 horas.