O Tribunal Supremo recoñece a tres colectivos da UVigo o dereito á suba salarial aplicada ao persoal empregado público
O Tribunal Supremo vén de ratificar a sentenza do conflito colectivo presentado pola CIG contra a Universidade de Vigo, a través do que a CIG buscaba o recoñecemento legal da aplicación das subas salariais determinadas para o persoal empregado público aos colectivos predoutorais, postdoutorais e contratados para proxectos de investigación.
A sentenza non deixa lugar a dúbidas e afirma expresamente que a decisión da Uvigo de non aboar os incrementos retributivos, dispostos na normativa estatal dos anos 2022 e 2023 ao persoal docente e investigador en formación con contratos predoutorais, ao persoal con contratos posdoutorais e ao conxunto do persoal contratado con cargo a proxectos de investigación é contraria a dereito, discriminatoria e, por tanto, nula. Así como que todo este persoal ten dereito a ver acrecentadas as súas retribucións do ano 2022 no 1,5% e as do ano 2023 no 2,5%.
Este auto garante que todas as subas aprobadas nos Orzamentos Xerais do Estado no futuro se teñan que aplicar de forma automática, eliminando esta discriminación por parte das universidades galegas. Así, o montante total ascende a un 9,8% desde 2022 a 2024, ao que haberá que engadirllle o 2,5% de 2025 e o 1,5% de 2026.
A propia universidade presentou unha aclaración ao tribunal que foi admitida, na que se afirmaba que a suba si foi efectivizada no caso do PDI predoutoral en formación, desta forma este colectivo xa non estaría afectado por esta sentenza por serlle recoñecido o dereito no seu momento.
Un paso máis na loita contra a precariedade
O TS acolleu totalmente a defensa exercida pola CIG e considera que a relación laboral existente entre o persoal investigador coa Universidade é a que a obriga a aplicar a suba salarial, con independencia da procedencia do financiamento.
Desde a CIG daranse os pasos necesarios para intentar chegar a un acordo coa UVigo para facer os pagamentos ao persoal afectado na maior brevidade posible e, por outra, banda presentaranse as pertinentes denuncias nas Inspeccións de Traballo e na Seguridade Social solicitando que acorden a actualización das bases de cotización de todo o persoal afectado pola sentenza e que liquiden á Universidade de Vigo as diferenzas de cotización.
A suba salarial na USC e na UDC
Ningunha das tres universidades galegas recoñeceu o dereito a que os colectivos predoutorais, postdoutorais e contratados para proxectos de investigación cobraran o incremento anual para os empregados e empregadas públicos aprobado para 2022 e 2023, motivo polo que a CIG promoveu tres demandas contra a UDC, a USC e a UVigo.
En canto á USC aínda está pendente que resolva o Tribunal Supremo o mesmo caso logo de presentar o sindicato un recurso de casación por ter perdido a sentenza no TSXG. Na UDC xa en setembro de 2024 se chegou a un acordo para facer os pagamentos a estes colectivos e non ter que ir ao xulgado.