O Tribunal Supremo ratifica a relación laboral entre a empresa SADA e o persoal falso autónomo contratado por Servicarne
Novo pau á industria cárnica na súa teima por perpetuar a explotación laboral dos traballadores e traballadoras dos matadoiros e salas de despece. O Tribunal Supremo non admitiu o recurso de casación presentado por SADA PA Castilla Galiza e Servicarne contra as sentenzas do TSXG e do Xulgado do Social nº2 de Lugo que confirmaron a existencia da relación laboral entre a empresa propietaria dos matadoiros de aves e coellos e o persoal contratado a través da falsa cooperativa.
A auto do TS declara a firmeza da sentenza do alto tribunal galego e contra o mesmo non cabe recurso de ningún tipo. Deste xeito, os arredor de 160 traballadores e traballadoras que levan anos loitando contra a explotación laboral, pechan un ciclo de litixios xudiciais e obteñen o recoñecemento pleno dos seus dereitos como persoal propio de SADA PA, que o pasado ano foi adquirida por Vall Companys, unha das principais compañías do sector cárnico.
A inadmisión do recurso implica tamén que o persoal poderá iniciar, por fin, a reclamación da devolución das cotas pagadas indebidamente á Seguridade Social entre 2013 e novembro de 2017, tempo no que estiveron cotizando no réxime de autónomos. A propia administración estimou en máis de 5,6 millóns de euros a débeda en cotas impagadas por parte de SADA.
Así mesmo, os servizos xurídicos da CIG están preparando os recursos para que se lle recoñeza a estes traballadores/as a antigüidade íntegra na empresa principal.
Explotación laboral nos matadoiros
Cómpre lembrar que durante anos o persoal deste matadoiro de Castro Ribeiras de Lea, xunto con outro destinado en matadoiros de todo o país (nomeadamente do Grupo Coren), sufriu unha situación de auténtica explotación como persoal falso autónomo: cotizando pola base mínima no réxime de autónomos, facendo xornadas a quendas sen hora definida de saída, cobrando en funcións dos kg/hora realizados, sen dereito a descansos ou vacacións retribuídas, sen cobrar as horas extraordinarias e tendo que abonar, ademais, unha cota mensual de socio.
O auto do TS confirma, mais unha vez, o que a CIG leva anos denunciando, que a utilización da cooperativa Servicarne como fórmula para contratar falsos autónomos era unha fraude e unha estafa e que se obrigaba a centos de traballadores e traballadoras a pasar por esta forma de explotación para poder traballar en condicións que supoñían unha importante rebaixa dos dereitos salariais, laborais e de cobertura doutras prestacións sociais.
A respecto dos argumentos esgrimidos por SADA e Servicarne, o TS conclúe de maneira firme e taxante que as decisións sobre as condicións, ritmos de produción e os horarios de traballo procedían de SADA PA, e que o persoal de dirección de Servicarne despregado nas instalacións só realizaba funcións de transmisión das ordes da empresa principal. Engade que a achega de medios materiais feita por Servicarne era mínima en relación ao traballo realizado polo persoal falso cooperativista e ademais, subliña, tanto a materia prima como os provedores son de SADA.
Abundando nesta cuestión, o auto engade que a externalización dos traballos de despece "foi máis aparente que real", porque "o que se evidenciou foi que a que debería ser simplemente a empresa principal -SADA- foi a empresa real dos socios cooperativistas". Isto supón, continúa a sentenza, "que estamos ante unha mera aparencia, de carácter fraudulento".
Alta forzosa na Seguridade Social
Cómpre lembrar que estes traballadores e traballadoras xa foran dadas de alta de oficio (en novembro de 2017) no Réxime Xeral da Seguridade Social a instancias da Inspección de Traballo. Mais a pesar da alta forzosa na SS, a empresa intentou perpetuar a situación de precariedade, negándose a asumir a totalidade do persoal e chegando a realizar un proceso de selección a través do que pretendía modificarlle as condicións laborais para poder acceder aos seus postos.
Neste contexto, tampouco faltaron os despedimentos, nin as represalias por parte do Grupo SADA contra persoas que formaron parte das candidaturas da CIG.
A loita contra a fraude masiva na contratación na industria cárnica non se limitou ao Grupo SADA nin á provincia de Lugo, senón que se desenvolveu de maneira simultánea en Pontevedra e Ourense e implicou a empresas como Novafrigsa e Frigolouro, ambas do poderosísimo Grupo Coren.
A CIG agarda que este auto, e outros recentes, marquen o camiño para que o resto de procesos pendentes se resolvan de maneira satisfactoria para os traballadores e as traballadoras.