O Tribunal Supremo ratifica a condena á empresa ourensá Revi por obrigar a traballar en fin de semana

A sentenza fixa unha indemnización para as persoas traballadoras demandantes
Ourense - 23 Mai 2025

O Tribunal Supremo (TS) vén de darlle a razón á CIG na súa batalla xudicial contra Revi Trefilados, dedicada á fabricación condutores eléctricos e sistemas de canalización, ao ratificar a condena á empresa ourensá por obrigar a traballar en fin de semana sen compensación nin negociación. A sentenza establece unha indemnización para cada unha das persoas traballadoras demandantes.

Dende a CIG-Industria de Ourense explican que neste tempo a dirección do Grupo Revi tratou de alongar o proceso recorrendo primeiro diante do TSXG e do TS despois, “pero un tribunal tras outro foinos dando a razón: traballar as fins de semana sen compensación e sen negociar é ilegal”. 

Un xulgado tras outro foinos dando a razón: traballar as fins de semana sen compensación e sen negociar é ilegal

De xeito que a empresa vese obrigada agora a indemnizar con 7501,20 euros cada unha das tres persoas traballadoras que presentaran denuncia da man da central sindical tras a decisión de Revi de obrigar a traballar sen compensación, en contra do establecido no convenio colectivo.

A CIG trasladara esta vulneración da compañía á Inspección de Traballo, “que nos deu a razón”. Mais Revi seguiu sen cumprir, polo que decidiron acudir á xustiza. “Froito da nosa acción sindical a compañía veuse forzada a tentar regularizar a situación, asinando a un acordo por baixo do convenio coa UGT, cando a sentenza demostra que había percorrido para chegar a un acordo que realmente compensase o traballo en fin de semana”.