O Tribunal Supremo non admite o recurso da Deputación de Ourense contra anulación do concurso para cubrir 98 empregos
O Tribunal Supremo (TS) vén de emitir un auto no que rexeita o recurso de casación interposto pola Deputación de Ourense contra a sentenza do TSXG que confirmaba unha anterior do Xulgado do contencioso administrativo número 2 de Ourense que anulara a resolución da Presidencia pola que se aprobaron as bases reguladoras e a convocatoria de concurso interno ordinario para a provisión de 98 postos de traballo.
Segundo explican dende a CIG, a anulación do concurso -confirmada polo TSXG e agora polo TS- afecta a ducias de empregos da Relación de Postos de Traballo (RTP), que xa están ocupados por aquelas persoas ás que se lles adxudicaron tras o proceso de concurso invalidado. Lembran que inicialmente a convocatoria de concurso fíxose para 98 empregos, aínda que ao final algúns non foron cubertos.
Ao mesmo tempo, anuncian que no caso de que non se produza un cumprimento inmediato da sentenza por parte do órgano provincial a central solicitará a súa execución xudicial “para que a situación do persoal da Deputación volva á legalidade”.
Finalmente, pregúntanse quen vai asumir no Goberno da Deputación a responsabilidade “dunha desfeita que ten un alto custe para a cidadanía, que frustra as expectativas dos traballadores/as e que supón botar man de prácticas dirixidas a impedir o desenvolvemento dos principios de mérito e capacidade nas institucións públicas”.