O Tribunal Supremo corrixe a inxustiza e permite que o persoal descontinuo traballe nos períodos de inactividade
O Tribunal Supremo acaba de resolver un recurso de casación no que sentenza que o período de inactividade do persoal descontinuo debe considerarse compatíbel co desempeño dunha segunda actividade no sector público, sempre que esta se leve a cabo dentro do período de inactividade e non impida ou menoscabe o cumprimento dos deberes inherentes a ela nin comprometa a imparcialidade ou independencia do seu desempeño.
A resolución responde á demanda presentada por un traballador laboral descontinuo do Servizo de Prevención e Incendios Forestais, iniciada no ano 2019 e levada polos servizos xurídicos da CIG.
A este respecto, o sector de Autonómica da CIG-Administración critica que durante anos os traballadores e traballadoras descontinuos viron os seus dereitos mermados "e coa Xunta de Galiza empeñada en denegar a compatibilidade para que este persoal puidera desempeñar outro posto de traballo na administración pública". Neste caso, condenaba ademais o persoal descontinuo do SPIF a vivir cos ingresos de 6 meses de traballo durante todo o ano.
A CIG sempre defendeu que esta situación non era axustada a dereito, e instou a Xunta en varias ocasións a que corrixira esta eiva e non teimara en estabelecer a vocación de aplicación literal dunha lei de incompatibilidades do ano 1984. O Tribunal Supremo, nesta sentenza, recolle que esta lei non pode opoñerse ás previsións básicas sobre compatibilidade aplicábeis ao persoal empregado público descontinuo e recollidas por exemplo no artigo 16.5 do Estatuto das Persoas Traballadoras , no que se contempla que se poida desempeñar unha segunda actividade nos períodos de inactividade. E, tal e coma estabelece esta sentenza, sen excluír que esta actividade poida ser no sector público.
Aínda que a Xunta publicou o 29 de decembro de 2023 a Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas onde recolle que promoverá medidas para favorecer a contratación do persoal laboral fixo-descontinuo no período de inactividade dentro da propia administración autonómica de Galiza, "esta sentenza do recurso de casación determina que non só se podería traballar dentro da propia Xunta senón en calquera outra administración pública, sempre que se cumpran o resto dos requisitos".
A CIG Autonómica saúde que, aínda con 5 anos de retraso, "a Xustiza recoñeza con firmeza que non se pode condenar ao persoal descontinuo a non traballar os períodos de inactividade".