O Tribunal Supremo confirma a nulidade dos despedimentos do profesorado Celga
O profesorado Celga impartía os cursos preparatorios paras as probas Celga sen ningún contrato de traballo e sen ser dado de alta na Seguridade Social. Ante esta situación irregular, a CIG-Ensino interpuxo denuncia perante a Inspección de Traballo que recoñeceu a relación laboral entre a Consellaría de Educación e o profesorado dos cursos Celga. A propia Inspección resolveu dándoo de alta de oficio na Seguridade Social e impóndolle unha multa de máis de 200.000 euros á Consellaría pola súa actuación fraudulenta.
Mais a Consellaría, no ano 2014, no canto de contratar o profesorado Celga para impartir os cursos preparatorios tomou a represalia de despedir este colectivo e ofrecerlle a impartición dos cursos, como horas extraordinarias, ao profesorado en activo, co obxecto de evitar as resolucións da Inspección de Traballo.
A CIG-Ensino, perante este despedimento colectivo e a actuación represiva e ilegal da Consellaría que impedía o exercicio dos dereitos laborais máis fundamentais, promoveu a presentación de demandas do colectivo por despedimento nos xulgados do social.
Todas as sentenzas (65) dos xulgados do social resolveron que os despedimentos eran improcedentes ou nulos. Mais a Consellaría de Educación continuou recorrendo as resolucións dos xulgados do social perante o TSXG que xa declarou nulos os despedimentos en trinta recursos presentados. A Consellaría, malia a contundencia do TSXG, recorreu en casación ao Tribunal Supremo que vén de confirmar, ao non admitir o recurso, que as sentenzas son firmes.
O Tribunal Supremo nas dúas sentenzas citadas avala a firmezas das autos do Tribunal Superior de Xustiza e a imposición de custas á Xunta de Galiza, motivo suficiente para que retire todos os recursos que ten presentados polo mesmo motivo, xa que o Tribunal Supremo non deixa dúbida sobre a súa firmeza.
A sentenza do Tribunal Supremo confirma tamén a existencia dunha represalia colectiva a partir da denuncia formulada pola CIG-Ensino na Inspección de Traballo pois foi esta a causa que levou á Consellaría a cambiar o sistema de cursos Celga no momento en que “as reclamacións de laboralidade dos profesores Celga estaban empezando a colleitar éxitos e decidiuno cambiar precisamente para deixar fóra a aquel profesorado que se vía beneficiado pola denuncia sindical”.
A CIG-Ensino esixe da Secretaría Xeral de Política Lingüística que asuma as consecuencias das contundentes sentenzas, que paralice todos os recursos que ten presentado e que faga unha oferta suficiente de cursos por todo o país para facilitar carga de traballo suficiente a este colectivo de profesorado indefinido non fixo e promover a normalización lingüística.