O Tribunal de Xustiza da UE recoñece que o estado español discrimina ás traballadoras do fogar
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) vén de recoñecer que no estado español se discrimina ás traballadoras do fogar ao negarlles o #DereitoAoParo tras unha denuncia presentada por unha traballadora galega solicitando cotizar fronte á continxencia de desemprego.
A CN da Marcha Mundial das Mulleres da Galiza, a Secretaría das Mulleres da CIG e outros colectivos feministas galegos súmanse á campaña de denuncia e reivindicación impulsada desde hai anos pola Asociación de Empregadas do Fogar #XIARA da Galiza, e por outras asociacións de traballadoras do fogar e de coidados do estado, para que dunha vez por todas se equiparen os seus dereitos.
As traballadoras do fogar e de coidados seguen no Réxime Especial da Seguridade Social e non teñen os mesmos dereitos que o resto do persoal que pertence ao Réxime Xeral.
Por iso se reclama o dereito a acceder a unha prestación por desemprego, e a ratificación do Convenio 189 da OIT para a equiparación dos dereitos das traballadoras do fogar ao resto das persoas traballadoras.
A Secretaría das Mulleres da CIG aplaude a sentenza
A Secretaría das mulleres da CIG aplaude a senteza do TSXUE que considera ilegal a negativa do dereito de prestación por desemprego ás traballadoras do fogar. Neste sentido, Nicolasa Castro Monteiro incide en que “a sentenza valora que esta desprotección da lexislación española constitúe unha discriminación indirecta por razón de sexo, ao afectar a un colectivo formado case exclusivamente por mulleres”.
Sinala que a reivindicación histórica da equiparación de dereitos laborais e protección social para estas traballadoras, concrétase na consecución do dereito á prestación por desemprego, cotizacións por salarios reais e iguais condicións para o cálculo das pensións e o recoñecemento pleno no Estatuto dos traballadores e traballladoras coa integración completa no réxime xeral da seguridade social.
Castro Monteiro empraza, ademais, ao goberno do estado español a acometer os cambios lexislativos necesarios “para non obrigar á traballadoras o recorreren aos tribunais para o recoñecdemento de dereitos incuestionábeis”.
Canda isto, reafírmase “na necesidade de políticas públicas de coidados que garantan a cobertura universal de servizos de atenciónás persoas dependentes e a dignificación dos traballos de coidados que se evidenciaron esenciais coacrise sanitaria”.
Unha demanda pola que a Secretaría das Mulleres se suma á campaña de denuncia e reivindicación impulsada desde hai anos pola Asociación de Empregadas do Fogar XIARA da Galiza, e por outras asociacións de traballadoras do fogar para que dunha vez por todas se equiparen os seus dereitos.