O Tribunal Constitucional admite a trámite o recurso de amparo contra a sentenza ao compañeiro Pintos
A sala cuarta do Tribunal Constitucional admitiu a trámite o recurso de amparo presentado contra o auto do Tribunal Superior que confirmou a sentenza da Audiencia Provincial pola que se condenou a Xesús Anxo López Pintos, ex secretario comarcal da CIG de Ferrol, por un delito de atentado á autoridade no marco dunha mobilización no ano 2012.
Aínda que a Audiencia Provincial acordou a suspensión da pena, o recurso presentado ao TC constitúe unha vía máis dentro das accións para reclamar xustiza e reparación para o compañeiro Pintos. Neste camiño, o pasado 14 de novembro presentouse a petición de indulto para Pintos, acompañado por máis de 5500 sinaturas en apoio á demanda, e as adhesións aprobadas polos plenos de varios Concellos de Ferrolterra e comités de empresa da comarca.
O obxectivo do indulto, como ben explicou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, é lograr a amnistía do compañeiro “como símbolo de auténtica xustiza social ante as decisións inxustas dos tribunais, defensa das liberdades e posta en valor dunha vida de entrega militante na loita polos dereitos da clase obreira por parte de Pintos”.
A este respecto, engadiu que "a estas alturas chámanos a atención e preocúpanos a falta de sensibilidade do Goberno español, que segue sen dar resposta a esta solicitude".
Criminalizar a mobilización social
A CIG denuncia, máis unha vez, que todo o proceso ao que está sometido Pintos non tiña como obxectivo condenalo como persoal individual, senón perseguir e criminalizar a mobilización como ferramenta para mellorar as condicións laborais e de vida da clase traballadora.
De feito, na propia resolución da Audiencia Provincial sublíñase que os feitos polos que foi xulgado Pintos se deron nun contexto moi determinado na comarca de Ferrolterra, de elevada conflitividade e de denuncia e reivindicación de solucións ante a destrución de emprego, o desmantelamento industrial, o medre da pobreza etc.
Non cómpre esquecer que Pintos foi condenado pola súa participación nunha mobilización social, pero non se tivo en conta a denuncia por torturas que presentou, cando el foi o agredido pola policía, tanto durante as cargas que se sucederon naquela noite de 2012, como mentres permanecía detido e incomunicado na comisaría, onde sufriu maltrato e vexacións nas súa condición de persoa, de sindicalista e polo seu pensamento nacionalista e de clase.
Por iso, a CIG trasládalle a Pintos novamente toda a solidariedade do sindicato e reitera que levará adiante todas as accións que sexan precisas e chegará ás instancias que sexa necesario para demandar xustiza para o compañeiro e reverter este ataque á liberdade sindical.
A Lei Mordaza en vigor e, a maiores, creouse un novo tipo de delito
Para o secretario xeral da CIG fica claro que "non podemos permitir máis retrocesos nos nosos dereitos, nin que se pretenda amedrentar e criminalizar a loita obreira por esixir emprego e salarios dignos e o dereito a ter unha vida en condicións dignas". E neste senso, lamenta que, malia os compromisos programáticos, a denominada Lei Mordaza aprobada no seu día polo PP, xustamente para acalar e perseguir a loita social, continúe plenamente vixente e sen reforma posíbel xa neste lexislatura.
E aínda máis, non só non se derrogou a regresiva Lei Mordaza, senón que o Goberno español aproveitou a modificación do Código Penal pola que se suprimir o anacrónico delito de sedición para introducir un novo tipo baixo o epígrafe de “desordes públicas agravadas”, que supón incrementar a persecución e a represión da mobilización social.