Estimada a solicitude da CIG de suspensión cautelar dos contratos do transporte de viaxeiros/as
O Tribunal Administrativo de Contratación Pública vén de estimar a solicitude formulada pola FGAMT-CIG para a suspensión cautelar do proceso de licitación dos contratos de transporte de viaxeiros/as por estrada. Tras de recibir a comunicación, a asesoría xurídica da central sindical xa está a preparar o preceptivo recurso contra os pregos de condicións.
Dende o sector de Transportes da CIG subliñan que esta é a segunda resolución que o TAC emite sobre os novos contratos, xa que as asociacións patronais presentaran previamente unha solicitude neste sentido, en virtude da cal a licitación xa está paralizada. Xesús Pastoriza matiza que a CIG iniciou este proceso en defensa dos lexítimos intereses dos traballadores e traballadoras do sector e para que se garantan todos os empregos, tendo en conta que os contratos están infradotados tanto na parte económica como na de persoal. Un desfase que, advirte, "parece obvio que levará a que as compañías despidan traballadores/as, presenten EREs ou busquen rebaixar as condicións laborais e retributivas".
Neste senso, engade que coas estimacións de custe que fai a consellaría "non chega nin para cubrir os salarios; só no primeiro ano os déficits nalgúns dos grandes contratos ascenden a máis de 600.000 euros e iso sen imputar outro tipo de gastos. Ademais, os pregos establecen un número de traballadores/as inferior ao actual, cando todo o persoal ten dereito á subrogación e é necesario para que se poida prestar o servizo".
Que non se repita o acontecido co concurso das ambulancias
Pastoriza subliña que "na CIG non queremos que se repita o que pasou coas ambulancias". Lembra que a Administración galega, neste caso a Consellaría de Sanidade, licitou os concursos por debaixo do seu custe real, aceptando aínda por enriba ofertas en baixa temeraria, que derivaron na pretensión das empresas de facer descolgues de convenio e aplicar recortes salariais e de persoal alegando que os contratos non lles daban para cubrir gastos. "Que estes contratos eran un despropósito queda reflectido no feito de que o SERGAS tivo que subir en máis dun 50% as contías económicas no novo concurso do transporte sanitario".
Así as cousas, a FGAMT-CIG volveu reclamar á Consellaría de Infraestruturas que proceda a unha reformulación profunda dos contratos, tanto no que ten a ver coa dotación económica como nos medios humanos, para cumprir coas cláusulas sociais ás que se comprometeu, garantir os dereitos dos/as traballadores/as e asegurar que se manteñen os niveis de emprego actuais. Xunto a isto, a central sindical reitera a oposición ao Plan de Transportes deseñado polo Goberno galego "que debuxa un mapa de liñas caótico e escasamente funcional para os viaxeiros e viaxeiras co único obxectivo de integrar as liñas de transporte escolar e así aforrar cartos".