O transporte sanitario hospitalario do CHUF préstase en condicións “inadmisíbeis”
A FGAMT-CIG vén de denunciar publicamente as numerosas deficiencias e irregularidades nas que se atopa o servizo do transporte sanitario hospitalario da comarca de Ferrolterra, prestado por Ambulancias Ortigueira UTE e as presións que sofren os delegados de persoal da CIG por parte da empresa, precisamente por reclamar que se corrixan todas estas eivas.
Entre outras cuestións, a secretaria comarcal da FGAMT-CIG de Ferrol, Beatriz Fernández, subliña que as ambulancias A1 (que se empregan para o traslado individual de doentes que non requiren asistencia médica) son inexistentes polo que se están empregando as de tipo A2 (destinadas ao transporte colectivo).
Pero ademais, nestas mesmas ambulancias fanse acompañamentos de persoas enfermas con enfermeiras/os do hospital, "cando o seu é realizar estes traslados en ambulancias de tipo C (de Soporte Vital Avanzado). Así mesmo, as UVI móbiles utilízanse para trasladar a varias persoas á vez, co conseguinte risco para os/as pacientes.
"A falta de medios e o mal emprego destes, así como as enormes carencias de equipamento e material dos vehículos, están a supor un grave risco para as e os usuarios e un deterioro do servizo de transporte sanitario, servizo básico do sistema público de saúde", advirte Fernández.
Por se non fora abondo, estas irregularidades están a ser denunciadas polos delegados de persoal da CIG, "motivo polo que están a sufrir presións continuadas por parte da empresa".
Por todo isto, a CIG esixe ao SERGAS, coñecedor desta situación, que adopte as medidas necesarias para que Ambulancias Ortigueira UTE non siga a converter o servizo de transporte hospitalario "nun servizo de calidade inadmisíbel".