O traballo temporal e precario desmonta o “espellismo” da recuperación
Os datos do desemprego son, para o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Fran Cartelle, “un espellismo” da suposta recuperación económica que “nos tenta vender o goberno do PP”. Un espellismo tras do que denuncia que “se agocha unha evidente precarización das condicións de traballo, un grande aumento da rotación e un puro emprego estacional eventual, fundamentalmente no sector servizos”. Neste sentido alerta de que máis do 92% dos contratos asinados son eventuais e nunha moi elevada porcentaxe de escasísima duración.
Así o constatan os datos, porque aínda que o número de persoas desempregadas en Galiza foi de 199.638 no mes de maio, 4.991 menos que no mes anterior, este é un descenso habitual nesta época do ano, pola contratación de carácter estacional. De feito deses 4.991 desempregados/as menos que se rexistran, 3.126 corresponden co sector Servizos.
Deste xeito o paro rexistrado descendeu un 2,44% en Galiza, por debaixo da media estatal, onde baixou un 3,13%. Para Cartelle isto é mostra tamén de que “este espellismo” da recuperación económica “reflíctese aínda menos en Galiza porque o desemprego descende case un punto menos que na media do Estado”.
Contratos
No mes de maio asináronse un total de 87.595 contratos, 13.504 máis que o mes anterior e 11.028 máis que no mesmo mes do ano pasado. Destes foron indefinidos tan só 6.740, o 7,7%, e 80.855 baixo algunha das modalidades de contratación temporal, o que dá un 92,3%.
Un incremento da contratación que só se traduciu nun descenso do paro en 4.991 persoas desempregadas menos. Estes datos amosan, para a CIG, unha realidade cada vez máis preocupante porque reflicten a enorme temporalidade que padece o mercado laboral galego e, xa que logo, a cada vez maior precariedade laboral, pola enorme rotación na contratación que sofren as traballadoras e traballadores no noso país.
Beneficiarios/as de prestacións
Das 199.638 persoas desempregadas, só cobran algún tipo de prestación 95.212. De aquí tírase que o 52,3% non cobran ningunha e que a protección social continúa a descender, aumentando así o risco de exclusión social. Unha situación alarmante diante da que a CIG denuncia a inacción da Xunta de Galiza, que segue sen articular medidas que permitan paliala.
Cartelle atribúe esta cada vez maior desprotección á temporalidade na contratación, que provoca que grande cantidade de traballadores/as deste país non cheguen a ter cotizado a suficiente como para poder acceder a calquera tipo de prestación. Mais tamén a que moitas son persoas desempregadas de longa duración que xa perderon o dereito a cobrala.
Esta situación é, para o secretario confederal de Emprego e Industria, consecuencia evidente das reformas laborais. Por iso reiterou a demanda da CIG de que sexan derrogadas de inmediato e de que se poñan en marcha políticas económicas que favorezan realmente á economía produtiva que é a que xera emprego estable en condicións dignas e permite sentar as bases para que haxa crecemento real.