O teletraballo nestes tempos neoliberais

Eduardo Camín - 24 Nov 2020

Varias análises do Observatorio da OIT poñen de manifesto os devastadores efectos que segue a ter a pandemia no emprego e os ingresos provenientes do traballo desde comezos de 2020, así como a repercusión adversa xeneralizada no mercado de traballo

 Novas forzas están a transformar o mundo do traballo. A pandemia da covid-19 ten consecuencias sociais e políticas: instalouse unha “virtualización da vida humana” e do control social. O mundo, tal e como o coñeciamos, detívose abruptamente a primeiros de 2020 e os gobernos, informados pola ciencia, tiveron que aplicar medidas drásticas para salvar vidas.

 É certo que a vida continúa, pero sen dúbida adoptamos a forma de traballo máis inusual desta xeración. O reto para os responsábeis políticos é como seguir protexendo a vida e a saúde das persoas sen, á súa vez, causar un dano irreversíbel á economía.

 Neste sentido as medidas que garanten o distanciamento físico -o peche de escolas, a suspensión de voos, o cesamento de grandes reunións e o peche de lugares de traballo- foron, ao comezo da loita contra o virus, ferramenta para frear a súa propagación. Entrementres, o traballo fixo irrupción nun novo auxe do teletraballo.

 Antes da pandemia, só unha fracción da forza laboral traballaba ocasionalmente desde a casa. Dentro da Unión Europea (UE), a incidencia do teletraballo regular ou ocasional (no fogar e móbil combinados) variaba do 30 por cento ou máis en Dinamarca, Países Baixos e Suecia ao 10 por cento ou menos na República Checa, Grecia, Italia e Polonia.

 Segundo os estudos, até un 20 por cento da forza laboral de Estados Unidos traballaba regular ou ocasionalmente desde a casa ou outro lugar alternativo, un 16 por cento no Xapón e só un 1,6 por cento en Arxentina, segundo cifras de Eurofound e OIT, 2019.

 Entre xaneiro e marzo de 2020, a medida que a infección por covid-19 se estendeu por todo o mundo, os países deron instrucións aos empregadores de pechar as súas operacións e, de ser posíbel, aplicar o teletraballo a tempo completo para os seus traballadores, con moi pouco tempo de preparación tanto para os empregadores como para os traballadores.

 Algo que se proxectou como unha solución temporal e a curto prazo estivo sucedendo desde hai meses. Hai varios factores que determinan se un traballo se pode realizar potencialmente a distancia. A cantidade de traballos que se poden realizar a distancia determina a parte da forza laboral que pode traballar desde a casa durante unha pandemia e así reducir a transmisión do virus na comunidade.

 En dous artigos recentes (Hatayama et al., 2020; OIT 2020h) examináronse as posibilidades de traballar desde a casa en países con diferentes niveis de desenvolvemento económico: constatouse que factores como a estrutura económica e ocupacional, o acceso a Internet de banda larga e a probabilidade de que as persoas posúan un ordenador persoal, son determinantes importantes para traballar desde o fogar.

 As conclusións indican que a posibilidade de traballar desde o fogar aumenta co nivel de desenvolvemento económico do país. Por conseguinte, os países en que unha gran proporción dos postos de traballo corresponden a sectores como as tecnoloxías de información e comunicación (TIC), os servizos profesionais, as finanzas e os seguros e os sectores da administración pública poden mobilizar unha maior proporción da forza laboral a traballar desde a casa.

 Mentres, os países que dependen en gran medida de sectores como a industria manufactureira, a agricultura, a construción e o turismo teñen menos posibilidades de o facer. Como resultado das directivas de confinamento decretadas polos gobernos, case catro de cada dez empregados en Europa comezaron a teletraballar.

 O aumento máis significativo do teletraballo tivo lugar nos países máis afectados polo virus e nos que o teletraballo estaba ben desenvolvido antes da pandemia. En Finlandia, preto do 60 por cento dos empregados pasaron a traballar desde casa. En Luxemburgo, os Países Baixos, Bélxica e Dinamarca, máis da metade, en Irlanda, Austria, Italia e Suecia, por volta do 40 por cento dos empregados teletraballaban.

 Neses países, menos traballadores viron unha redución no seu tempo de traballo. De media, en Europa, o 24 por cento dos empregados que nunca traballaran desde a casa comezou a teletraballar, en comparanza co 56 por cento dos empregados que o fixeron ocasionalmente.

 No entanto, este salto nas cifras mostra que, coa tecnoloxía, as ferramentas (por exemplo, de comunicación) e a reorganización do traballo axeitadas, moitos máis traballos poden realizarse a distancia do que se supuña anteriormente. Adoptáronse medidas similares noutras partes do mundo, onde os gobernos instaron os empregadores a adoptaren o teletraballo para reducir a densidade de desprazamentos nas grandes cidades e contribuír así ao distanciamento físico.

 En Xapón, segundo unha enquisa do Ministerio de Terras, Infraestrutura, Transporte e Turismo, menos do 13 por cento dos traballadores de todo o país puideron traballar desde casa en marzo de 2020 debido a unha serie de factores, entre eles o amplo uso do selo Hanko1, un selo persoal que se utiliza nos documentos de oficina, os contratos, as solicitudes e mesmo os memorandos, en lugar das sinaturas, para calquera artigo que requira recoñecemento de autoría en lugar dunha sinatura.

 Cómpre salientar que para os pais e coidadores que traballan, o peche de escolas e doutros centros de atención fixo que o traballo desde o fogar fose un desafío. De acordo coa última enquisa de Eurofound, entre os que traballan desde o fogar como medida de distanciamento físico, o 26 por cento vive en fogares con nenos menores de 12 anos e outro 10 por cento vive con nenos de 12 a 17 anos.

Unha realidade preocupante

 Varias análises do Observatorio da OIT poñen de manifesto os devastadores efectos que segue a ter a pandemia no emprego e os ingresos provenientes do traballo desde comezos de 2020, así como a repercusión adversa xeneralizada no mercado de traballo.

 Os encargados do desenvolvemento de políticas deberán seguir fomentando o emprego e garantindo os ingresos ao longo dos próximos meses, incluído 2021, e abordar os retos fundamentais. Segue a ser primordial harmonizar e planificar as medidas nos planos político, sanitario, económico e social.

 A cantidade de contaxios aumentou en todo o mundo, e iso levou a moitos países a volver aplicar restricións en actividades económicas. A desatinada ou prematura aplicación máis laxa das medidas de prevención sanitaria está provocando unha prolongación da pandemia e, en consecuencia, agravábase a incidencia no mercado de traballo.

 Polo tanto, é necesario que as medidas políticas que se apliquen estean en consonancia cos efectos adversos da pandemia no mercado de traballo. A crise provocada pola pandemia provocou a perda de horas de traballo e de ingresos provenientes deste.

 A raíz do aumento das restricións financeiras, os encargados da formulación de políticas deberán afrontar o reto de seguir aplicando medidas destinadas a mitigar o risco de que aumenten os niveis de pobreza, desigualdade, desemprego e exclusión. Para ese efecto, será necesario prestar particular atención á eficacia e a eficiencia dos investimentos que realicen.

 É fundamental que as medidas políticas contribúan a prestar o maior apoio posíbel aos grupos vulnerábeis máis afectados, nomeadamente, os migrantes, as mulleres, a xente nova e os traballadores do sector informal. A teor dos datos máis recentes de que se dispón, a perda de emprego afecta en maior medida ás mulleres que aos homes.

 Os encargados do desenvolvemento de políticas terán que adoptar medidas de resposta fronte ás crises específicas, en particular axudas para garantir os ingresos e fomentar os esforzos para facilitar aos traballadores que retomen o seu emprego, co fin de evitar a súa marxinación a longo prazo nos mercados laborais, e velar por que ninguén fique atrás.

 A fenda en materia de incentivos fiscais existente nos países emerxentes e en desenvolvemento só se pode suprimir se se fomenta a solidariedade internacional. A maioría dos países en desenvolvemento non puideron mobilizar os recursos necesarios para apoiar as medidas políticas que adoptaron as nacións máis ricas, o que deu lugar a unha gran «fenda en materia de incentivos fiscais».

 Co fin de emendar esa fenda, é necesario seguir reducindo e reestruturando a ignominiosa débeda externa, e promover a axuda oficial ao desenvolvemento para garantir a dispoñibilidade de recursos financeiros para afrontar a actual crise sanitaria e do mercado de traballo nos países en desenvolvemento.

 Nacións Unidas avoga por que se dea «prioridade con carácter estratéxico, en materia de financiamento público, ás políticas e os programas que permitan lograr mellores resultados en termos de emprego e mantemento dos ingresos, en particular respecto das persoas en situación vulnerábel».

 A combinación destes retos ten repercusións máis xerais para a xustiza social e a paz. O aumento da inseguridade e a incerteza dan pábulo ao isolacionismo e ao populismo.

 O xeito en que a ideoloxía neoliberal enxerga a modernidade entende o cidadán como consumidor, a acción colectiva e a vida pública quedan restrinxida a facer un “clic” na recomendación dun algoritmo. En realidade, a crise da covid-19  situará o sector tecnolóxico no epicentro dunha economía convertida en función dos seus algoritmos.

 O mundo non será igual, mais a explotación dixital ou presencial parecerase moito á do presente.

 

[Artigo tirado do sitio web Estrategia, do 19 de novembro de 2020]