O TAC recoñece o dereito do persoal das escolas infantís do Concello de Sanxenxo a pactar as vacacións
O Tribunal Administrativo de Contratación Pública (TAC) de Galiza vén de atender parte das alegacións presentadas pola CIG-Salnés aos pregos de condicións do concurso para adxudicar a xestión das garderías públicas do Concello de Sanxenxo. En concreto as referidas ás vacacións, xa que a central sindical quere que se garanta o dereito do cadro de persoal a negociar o período de goce co empresario/a.
Os pregos de condicións do concurso para adxudicar a xestión das escolas infantís do Concello de Sanxenxo foron publicados o pasado 29 xaneiro. Unha vez revisadas as bases, na central sindical detectaron unha serie de modificacións importantes a respecto dos dereitos das persoas traballadoras, polo que procederon a presentar as correspondentes alegacións.
Por primeira vez neste concurso, os pregos regulan a apertura e o peche dos centros educativos, polo que o período de vacacións -que antes era negociado de mutuo acordo entre empresa e cadro de persoal tal e como recolle o propio convenio e o Estatuto dos Traballadores/as- poderá ser imposto pola empresa porque se establece como período vacacional do 1 ao 10 de setembro, a Semana Santa e o Nadal, “para que coincida coas vacacións escolares”.
Na CIG consideraron que isto vulneraba o dereito de subrogación do persoal recollido no convenio, xa que a nova empresa ten que subrogalo cos seus dereitos e os seus deberes. “Entendemos que se estaba a incumprir a lei de contratación administrativa, xa que non recolle que as bases dos concursos poidan regular dereitos laborais”.
Agora o TAC vén a darlles a razón ao estimar a alegación achegada pola central neste sentido, ao considerar que a fixación dun período de vacacións obrigatorio para os traballadores/as “estase a exceder o ámbito regulador que lle corresponde aos pregos da licitación con incidencia na regulación que ao respecto establece o artigo 38 do ET”.
Garantías laborais
En canto ás outras dúas alegacións presentadas pola CIG co obxectivo de introducir cláusulas nos pregos que establezan garantías laborais e de cobro para o persoal en caso de incumprimento por parte do empresario/a, o Tribunal considera que a Lei de Contratos do Sector Público xa blinda os dereitos laborais ao cualificar como “moi grave” os incumprimentos por parte da contratista da normativa en materia laboral.
En concreto, o establece que os incumprimentos ou os atrasos reiterados no pagamento dos salarios ou a aplicación de condicións salariais inferiores ás derivadas dos convenios colectivos “que sexa grave e dolosa darán lugar á imposición de penalidades”.
A central sindical tamén pretendía que os pregos incluísen a previsión expresa de que a garantía servirá para responder das posíbeis débedas en materia salarial e de cotización que puideran existir entre o empresario e os/as empregados/as á finalización do contrato, algo que o TAC entende que xa está recollido na Lei de Contratos, polo que estima que “non é necesario que os pregos da licitación recollan no seu contido todos e cada un dos que xa son mandatos legais de directa aplicación, posto que como tales xa supoñen unha obriga a cumprir no procedemento”.