O Supremo confirma que First Stop debe aplicar o convenio do Metal, ratificando a sentenza do TSXG

As sentenzas desmontan a pretensión da empresa de aplicar o convenio de Comercio Vario e reafirman que a actividade real da empresa é a dun taller mecánico
Compostela - 19 Xun 2026

A CIG-Industria manifesta a súa satisfacción pola sentenza do Tribunal Supremo que desestima o recurso presentado pola multinacional First Stop Southwest SAU e confirma integramente a resolución emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) o pasado 10 de febreiro de 2025.

Segundo explica Antón Cebey, da CIG-Industria de Compostela, explica que a central sindical decide demandar á empresa unha vez detectado que First Stop cambiou o convenio colectivo de aplicación, o de Siderometalúrxica da Coruña, “enganando ao persoal, dándolle un documento no que aceptaban o cambio de convenio polo de comercio vario da provincia da Coruña”.

Cebey lembra que esta modificación provocou un enorme prexuízo para o persoal que perdeu condicións laborais e salariais que tiñan co outro convenio.

First Stop Southwest SAU é unha empresa multinacional que na península ibérica ten preto de 600 centros de traballo aos que a CIG entende que, do mesmo xeito que se fixo na provincia da Coruña, se lles está aplicando indebidamente o convenio de comercio vario en lugar do que lle corresponde.

Convenio de aplicación

Con estas sentenzas, queda definitivamente acreditado que o convenio colectivo de aplicación nos centros de traballo da empresa na provincia da Coruña é o Convenio Provincial da Industria Siderometalúrxica e non o Convenio de Comercio Vario que a dirección pretendía aplicar.

A resolución do Supremo ratifica todos os argumentos esenciais recollidos na sentenza do TSXG e converte en firme unha decisión que supón unha importante vitoria para as persoas traballadoras e para a defensa do principio de que o convenio colectivo aplicábel debe ser o que corresponde á actividade real desenvolvida pola empresa.

A CIG considera especialmente relevante que tanto o TSXG como o Tribunal Supremo subliñen que a determinación do convenio colectivo aplicábel non é unha cuestión que quede ao arbitrio da empresa, senón que debe responder á actividade produtiva real desenvolvida. As resolucións lembran que non é o obxecto social formal nin a vontade empresarial o que determina o convenio, senón a actividade efectiva que realizan a empresa e o seu persoal.

Antón Cebey lembra que First Stop non é un caso illado e denuncia que practicamente todas as empresas que se dedican a unha actividade similar están cometendo unha fraude non só cos seus traballadores e traballadoras senón tamén coa Seguridade Social, co único obxectivo de aumentar a súa marxe de beneficios, defraudando as arcas públicas e rebaixando as condicións laborais de aplicación segundo o convenio que corresponde á actividade que desenvolven.

Por iso, a raíz destas sentenzas a CIG-Industria considera que a Inspección de Traballo debería facer unha campaña de vixilancia destes centros de traballo para que non se produzan estas situacións de fraude.

A CIG valora moi positivamente esta resolución porque reforza a seguridade xurídica, a negociación colectiva e os dereitos das persoas traballadoras, ao tempo que supón un novo aval xudicial ás reivindicacións defendidas pola central sindical neste conflito.