O Supremo dinamita a posibilidade dun novo proxecto da industria naval na antiga Vulcano
A CIG denuncia que a sentenza do Tribunal de Conflitos de Xurisdición, dependente do Supremo, que lle retira a concesión aos actuais propietarios da antiga Vulcano frustra a posibilidade de iniciar calquera proxecto de construción naval na zona, dado que non permite o mantemento da unidade produtiva na súa totalidade e imposibilita o acceso á lámina de auga.
Na central sindical entenden que a decisión xudicial que se coñeceu hoxe vén a demostrar unha vez máis o nulo interese do Estado en apoiar o sector naval vigués, fundamental na comarca e estratéxico para o conxunto do país, e que se ten erixido en motor industrial do que dependen milleiros de postos de traballo.
Ao mesmo tempo, critican o abandono dos sectores industriais por parte do Goberno central e da Xunta de Galiza, sobre todo no actual contexto de pandemia, que está a evienciar que os países cunha industria forte están a resistir mellor fronte ás economías baseadas no sector servizos.
Finalmente, reiteran a súa aposta porque os terreos se dediquen de novo á construción e reparación naval, ao tempo que solicitan da Autoridade Portuaria de Vigo que reconsidere a súa postura e se posicione claramente en defensa da industria naval na bisbarra.