O sindicalismo transformador rexeita a proposta de reforma laboral do Goberno español
Os sindicatos asinantes deste comunicado rexeitamos a proposta de reforma laboral do Goberno do Estado español e o incumprimento do seu compromiso de derrogar as anteriores, tal e como fixo por outra banda con outras promesas feitas á cidadanía.
O acordo alcanzado no marco do diálogo social entre o Goberno, os sindicatos UGT e CCOO e a patronal CEOE non derroga nin a reforma laboral do 2012 de Rajoy nin tampouco a reforma laboral do 2010 do Goberno de Zapatero. A prioridade do Goberno de atraer á patronal ao acordo outorgoulle a esta última o dereito a veto, e a falta de presión e de mobilización dos sindicatos asinantes derivou nunha reforma laboral á medida dos intereses da patronal.
Queremos poñer especial énfase en que esta proposta de reforma laboral non contempla medidas para corrixir a estatalización da negociación colectiva imposta polas reformas laborais de 2010 e 2012, polo que os convenios sectoriais acordados nos nosos territorios seguirán subordinados aos convenios estatais. O marco estatal de negociación demostrouse menos combativo e a sacralización que esta reforma fai dese marco é un intento de atenuar as loitas sindicais dos territorios.
Ao mesmo tempo, parécenos moi grave que a proposta de reforma laboral non modifique a normativa establecida pola reforma laboral de 2012 en materia de despedimentos. Nos últimos anos quedou claro que a patronal utilizou esta reforma para despedir traballadoras e traballadores de forma unilateral, sen ningunha garantía nin posibilidade de defensa.
Polo tanto, esta reforma perpetúa a precarización do mercado laboral en tanto que a patronal sempre terá no seu poder a arma do despedimento para presionar a traballadoras e traballadores.
Políticas en beneficio das elites
É importante lembrar que a proposta de reforma laboral axústase ás esixencias de Bruxelas e ás súas chantaxes para poder acceder aos fondos europeos.
Tal e como denunciamos no seu día, os fondos económicos da Comisión Europea non son uns fondos para que a clase traballadora e as clases populares poidan afrontar con dignidade as consecuencias da crise xerada pola Covid. Estes fondos non son máis que unhas axudas económicas ás grandes corporacións para que poidan facer fronte aos cambios estruturais que necesitan abordar e ademais, tal e como demostra esta reforma laboral, estaban subordinados á aplicación por parte dos gobernos dunhas políticas económicas en beneficio das elites.
Esta non derrogación da reforma laboral e os continuos incumprimentos das súas promesas por parte do Goberno do Estado deixa en evidencia os límites do marco do diálogo social e do marco político do Estado español. Se o Goberno “máis progresista” do Estado español non ten capacidade para derrogar a reforma laboral nin de facer políticas en beneficio da clase traballadora e das clases populares queda claro que o único camiño para un cambio de modelo, tamén para a clase traballadora do Estado, é o exercicio do dereito a decidir dos pobos, para que sexamos os pobos os que decidamos libre e democraticamente o noso futuro e por suposto tamén o noso modelo socio-económico.
Asinan: Confederación Intersindical Galega, Central Unitaria de Traballadoras de Galiza, Colectivo Unitario de Trabajadoras y Trabajadores Aragón, Corriente Sindical d’izquierdas Asturies, ELA Euskal Sindikatua, ESK Euskal Herria, Coordinadora Obrera Sindical Països Catalans, Intersindical Alternativa de Catalunya, Intersindical Canaria, Intersindical de Catalunya, Intersindical Valenciana, LAB Sindikatua Euskal Herria, OSTA Aragón, Sindicato Andaluz de Trabajadores y Trabajadoras, Sendicato d'os Treballadors e Treballadoras d'Aragon-Sindicato Obrero Aragones, STEI Balears, STEILAS Euskal Herria.