O Sindicalismo Galego na Transición (1972/1977)
A Fundación Moncho Reboiras inaugurou este mércores na Facultade de Humanidades de Ferrol a exposición "O Sindicalismo Galego na Transición (1972/1977)", na que se aborda cun enfoque divulgativo a xénese, desenvolvemento e consolidación do sindicalismo nacionalista no contexto de pulo do movemento obreiro galego nos últimos anos do franquismo e na transición.
A inauguración contou coa intervención do Secretario Xeral da CIG e Presidente da Fundación Moncho Reboiras, Xesús Seixo, a Vicepresidenta e Deputada de Normalización Lingüística e Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, o Decano da Facultade de Humanidades e Documentación da UdC, José Luis Tasset, e o Profesor, Doutor en Historia e director científico do proxecto, Uxío-Breogán Diéguez.
Este último foi o encargado de facer un pequeno repaso polo contido dos 13 paneis que integran a exposición, agradecendo á Facultade de Humanidades ter acollido esta primeira inauguración da mostra, que se poderá visitar até o próximo 25 de decembro. Posteriormente a exposición instalarase nas cidades da Coruña e Compostela.
De igual xeito, Diéguez quixo agradecer a colaboración económica da Deputación da Coruña, a través do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes, que fixo posíbel o desenvolvemento material da mostra.
Divulgar feitos relevantes da nosa historia
Pola súa banda, o Presidente da Fundación e Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo subliñou o grande valor deste tipo de mostras que axudan a divulgar feitos relevantes da nosa historia, nunha época como a actual na que abundan todo tipo de informacións "e desinformación" e na que prima a inmediatez. "É moi importante que a xente nova sexa consciente de que todo o que hai no presente e como camiñamos cara ao futuro está relacionado co noso pasado e, polo tanto, coa nosa historia".
Neste senso, Seixo referiuse a que foi precisamente na etapa na que se centra a exposición cando se iniciaron as loitas e mobilizacións que permitirían conquistar os dereitos, as condicións de vida e as liberdades actuais. Conquistas que, advertiu, "desgrazamente nestes momentos corremos perigo de perder como consecuencia das políticas neoliberais que se están a aplicar".
"Foi un período convulso, que coincidiu cunha situación de crise económica, de crise política, coa caída da ditadura, etc. Foi unha época determinante para recuperar dereitos e liberdades que non tiñamos e que posibilitou sentar as bases para crear organizacións no país que visibilizaran a problemática específica da clase traballadora galega e a nosa problemática como nación", aseverou o Secretario Xeral da CIG.
Froito daqueles sucesos, engadiu, puidéronse crear estruturas e organizar o pobo e mudouse o réxime fascista, "pero o que non se conseguiu mudar foi o sistema capitalista. Isto lévanos, en función da correlación de forzas, a estar permanentemente en loita por manter, e mesmo recuperar, dereitos fundamentais". Por iso, concluíu, "non chega con mudar certo tipo de réximes políticos, hai que camiñar cara modelos de organizacións social e económica que garantan os nosos dereitos".
Levar os acontecementos á mocidade
Neste senso, tamén se manifestou a Vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, quen puxo en valor iniciativas como a da Fundación Moncho Reboiras, que recuperan a nosa propia historia e, de maneira especial, a memoria do movemento obreiro galego e dunha etapa crucial como a da transición.
Sanmartín subliñou tamén o feito de que esta mostra se expoña nun ámbito como o da universidade, que permite trasladar á mocidade "uns acontecementos dos que moitas veces vive á marxe".
A mostra permanecerá en Ferrol até o 25 de decembro
A exposición forma parte dun proxecto de divulgación cultural que pon en valor o traballo de arquivo e documentación histórica da Fundación Moncho Reboiras, depositaria do arquivo da CIG e dos fondos do sindicalismo nacionalista.
A mostra consta dunha exposición con 13 paneis, a edición dun caderno divulgativo de 32 páxinas e un vídeo documentario de 15 minutos. Pódese visitar en Ferrol até o próximo 25 decembro.
Aliás, está prevista a organización de conferencias-coloquio que se realizarán proximamente en Ferrol, A Coruña e Compostela, coa participación de recoñecidos especialistas.