O siderometal ourensán comeza protestas para desbloquear a negociación do convenio
As centrais CIG, CCOO e UGT comezaron hoxe as protestas para forzar a patronal a retomar as negociacións que permitan renovar o convenio colectivo provincial do siderometal ourensán, que leva caducado dende o ano pasado. Delegados/as sindicais do sector desenvolveron unha concentración diante da sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e percorreron en manifestación as rúas da cidade.
Segundo explica o secretario comarcal da federación de Industria, Indalecio Gómez, os sindicatos decidiron poñer en marcha unha serie de medidas de presión ante a falta de interese do empresariado en actualizar o convenio, até o punto de que tras case un ano caducado unicamente se celebraron dúas reunións. “Neses encontros quedou claro que a patronal non quere negociar, nin incremento salarial nin nada, só pretenden asinar un convenio de transición, por iso racharon as conversas”, denuncia.
Diante disto, optaron por saír á rúa para forzala a sentarse co obxectivo de lograr un convenio xusto que incorpore melloras laborais. “Este luns xuntarémonos as tres centrais para consensuar unha plataforma conxunta e decidir as seguintes mobilizacións”. Neste senso, adiantou que a CIG baralla convocar folga no sector no caso de que a patronal non cambie a súa actitude.
Durante a xornada de hoxe, delegados/as sindicais do sector desenvolveron unha concentración diante da sede da CEO, marchando a continuación até a Praza Maior, para regresar de nova até a sede da CEO. A marcha rematou diante da Casa Sindical, onde previamente os responsábeis de industria dos tres sindicatos ofreceron unha rolda de prensa para explicar o estado das negociacións.