
O siderometal ourensán clama en Santiago contra a concesión da Medalla Castelao ao presidente de honra do grupo Pérez Rumbao

Un grupo de persoas traballadoras do sector do siderometal convocadas pola CIG-Industria mobilizouse este sábado en Santiago de Compostela coincidindo co acto de entrega das Medallas Castelao para expresar o seu rexeitamento á concesión deste galardón a Emilio Pérez Nieto, presidente honorífico do grupo ourensán Pérez Rumbao.

A central sindical fixera público días atrás un comunicado opoñéndose ao recoñecemento “xa que hai persoas ou institucións que o merecen en maior medida, tendo en conta que este grupo empresarial nin destaca precisamente pola defensa da nosa lingua (nin en galego ten a súa páxina web) nin da nosa cultura, por non falar de que representa a ala máis dura da patronal na negociación do convenio”.
Por iso consideran que o Goberno galego “mancha” o nome de Castelao con esta decisión, “porque non hai que esquecer que o de Rianxo é o pai da nación galega e salientou pola súa defensa do idioma e da cultura propia do país e por posicionarse cos febles fronte aos poderosos”.
A protesta fai parte da campaña de mobilizacións que a CIG-Industria de Ourense está a desenvolver para reclamar un convenio colectivo provincial digno no siderometal. O secretario comarcal da federación, Indalecio Gómez, agradeceu “o apoio dos compañeiros e compañeiras de Santiago que participaron na concentración”.