O siderometal de Ourense móllase por un convenio digno
Nin as altísimas temperaturas nin a treboada puideron co persoal do siderometal de Ourense, que respondeu ao chamamento a mobilizarse o xoves pasado para reclamar o desbloqueo da negociación do convenio colectivo provincial.
A manifestación convocada pola CIG e CCOO rematou cun aviso claro: se a patronal non acede a negociar un convenio que inclúa cláusula de revisión salarial ligada ao IPC “o outono será quente e incluirá unha convocatoria de folga”.
A marcha comezou na rúa Xoán XIII ás 20:00 horas, xusto diante do despacho da voceira da patronal do siderometal, percorrendo as rúas de Ourense baixo unha intensa treboada, para rematar na sede que a patronal ten na rúa do Paseo.
O día anterior coñecíase que o IPC a nivel galego chegou ao 11.1%, mentres a última oferta da patronal foi do 4% sen cláusula de revisión, “pretendendo ademais ser un ultimato, xa que ou a representación sindical aceptaba a oferta ou calquera suba non sería calculada dende principio de ano”.
Se o convenio non inclúe unha cláusula de revisión salarial ligada ao IPC o outono será quente e incluirá folga
Ante esta situación a central sindical dirixiuse ao resto de sindicatos para tratar de fixar un calendario de mobilizacións conxunto que incluíse unha convocatoria de folga. Dentro dese calendario CIG e CCOO convocaron a manifestación. Pola súa banda a UGT, malia a suba do IPC e a actitude chulesca da patronal, preferiu manterse á marxe.
En todo caso, a vontade da CIG é defender os salarios e as condicións laborais do persoal, polo que se no mes de setembro non hai avances reais na negociación o sector do siderometal “entrará nunha fase de maior conflito”.