O siderometal de Ourense convoca novas protestas por unhas condicións laborais dignas

A CIG e a UGT desenvolverán unha mobilización este venres día 9 en Expourense ás 11:00 horas coincidindo coa celebración do VII Car Outlet
Ourense - 06 Mai 2025

O sector do siderometal ourensán convoca novas mobilizacións para reclamar un convenio colectivo provincial digno, xa que tras oito xuntanzas da mesa negociadora a patronal insiste nunha proposta insuficiente que non garante o poder adquisitivo nin contempla reducións de xornada. De xeito que a CIG e UGT desenvolverán unha concentración este venres día 9 no recinto feiral Expourense ás 11:00 horas coincidindo coa celebración do VII Car Outlet.

Dende a federación de Industria denuncian que o empresariado pretende asinar un convenio a tres anos cunha suba de soldos do 2% e sen cláusula de revisión salarial nin reducións de xornada, “cando o ano pasado traballamos oito horas menos que este ano”. A proposta inclúe un plus de asistencia efectiva de 2,5 euros diarios en 2025, 3 euros en 2026 e 3,5 euros en 2027. Aínda así non permitiría compensar a perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras.

En consecuencia, a CIG e a UGT aproveitaron a última reunión para achegar unha plataforma conxunta ante a posibilidade de que o sector vaia ao conflito que contempla un convenio a dous anos con suba salarial de 100 euros lineais con cláusula de revisión e unha redución de xornada até as 37,5 horas.

Con todo, a CIG-Industria insiste na necesidade de contar cun convenio galego para o sector que blinde a negociación provincial aproveitando a modificación lexislativa que lle dá prioridade aos acordos autonómicos sobre os estatais.

Na central sindical consideran que a actitude da patronal aboca o sector ao conflito, polo que non confían que na xuntanza deste xoves día 8 se produzan avances na negociación. “Pero que teñan moi claro que no caso de que non se consiga achegar posturas levaremos a cabo medidas de presión máis drásticas”, advirten.

Polo de agora desenvolverán a concentración prevista este venres coincidindo coa inauguración do salón do vehículo de ocasión que se celebra en Expourense ao longo de toda a fin de semana.