O servizo do GES de Mugardos queda sen persoal no inicio do período de alto risco de incendios
A CIG-Administración critica que a alcaldesa de Mugardos pretenda deixar sen persoal o Grupo Supramunicipal de Emerxencias (GES), ao comunicarlle aos traballadores e traballadoras que prestan o servizo que durante os días 22, 24 e 28 de xuño e durante 11 días no mes de xullo (coincidindo co inicio do período de alto risco de incendios decretado pola Xunta) non acudan aos seus postos de traballo.
A xustificación de semellante medida, explica Carmem Viso, secretaria comarcal da CIG-Adminitración, está directamente relacionada con a mala xestión do persoal do GES, "a quen se lles debe unha enorme cantidade de horas extras de anos anteriores" e pola mala xestión dos procesos de selección das listas de cobertura que aínda non finalizaron. "Esta improvisación e abandono das funcións de xestión de persoal non son novas neste grupo de goberno pois cabe recordar que o persoal laboral ten dende o mes de novembro o seu convenio colectivo aprobado (comezado a negociar hai máis de 2 anos), pero sen asinar e sen levar a pleno", lembra.
Porén, para a central sindical o que resulta alarmante e que se deixe a poboación da comarca sen un servizo de emerxencias nun período de alto risco, durante o que todos os servizos públicos de extinción deberían de estar plenamente operativos. "Esta preocupante situación leva a que o persoal do GES vaia a facer todo o que estea na súa man para que o servizo de emerxencias se poida prestar a cidadanía", engade Viso.
Dende a CIG-Administración de Ferrol fíxose un chamamento a que a alcaldesa reconsidere esta cuestión "e solucione realmente os problemas de xestión de persoal e de cobertura a través das listas de substitucións do proceso de selección de persoal temporal que acaban de levar a cabo".