O servizo de pediatría do Centro de Saúde de Burela carece de persoal especializado
A CIG-Saúde da Mariña esixe que se dea unha solución inmediata á demanda social existente en relación ao servizo de pediatría do Centro de Saúde de Burela, xa que "non se está a dar a cobertura sanitaria axeitada ao non cubrirse as baixas de longa duración con persoal especializado, senón con médicos/as de familia”. Este centro atende a máis de 1.300 nenos e nenas da comarca.
A amortización de prazas nos centros de saúde, a falla de cobertura das ausencias dos e das profesionais da pediatría, a contratación en precario por días, e incluso por horas, provoca unha sobrecarga de traballo que repercute "nunha grave perda de calidade asistencial ás nosas crianzas”, lembran.
CIG-Saúde apunta tamén ao déficit que existe na atención pediátrica nos diversos centros de saúde da comarca (Mondoñedo, Cervo, Lourenzá, Barreiros, Foz...). "Mentres Feijóo afirma apostar polo sanidade pública a realidade é que precariza servizos básicos", denuncian.
Para CIG Saúde da Mariña “a saúde é un dereito fundamental que debe ser garantido e protexido independentemente do lugar onde vivan os nosos nenos e nenas, polo que esiximos unha sanidade digna e de proximidade na nosa comarca que garanta a atención pediátrica de todas as nenas e nenos da Mariña”.
Nesta liña subliñan que este é “un dereito que defendemos no pasado, no presente e continuaremos defendendo no futuro”.