Falta de persoal de limpeza no CRD Vigo e no Manuel Antonio impide garantir as medidas de hixiene
As traballadoras/es do servizo de limpeza do Centro Residencial Docente (CRD) de Vigo e do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Manuel Antonio denuncian que a falta de persoal está a impedir que se cumpran as medidas hixiénicas derivadas da pandemia da covid. Diante disto, convocan a todo o persoal a unha asemblea para abordar a situación e decidir as medidas a adoptar para lograr a implicación das dirección dos centros.
Con este obxectivo as afectadas/os rexistraron escritos ante a dirección dos centros educativos, das que reclaman “que fagan algo” ante a imposibilidade de realizar as tarefas de limpeza que teñen encomendadas, “sobre todo a raíz da situación que estamos a vivir pola covid”, segundo explican dende a CIG-Servizos de Vigo.
Lembran que no Manuel Antonio hai inscritos/as un total de 1650 alumnos/as, conta con 120 profesores/as e 52 traballadores/as do centro, ao que hai que sumar as persoas que participan nos cursos do INEM. “Polo que diariamente nos atopamos cunhas 1500 persoas no centro, sen esquecer os preto de 200 internos/as do CRD”.
Neste contexto, as novas necesidades derivadas da prevención da covid fan que as labores de limpeza “se estean a complicar moitísimo como consecuencia da falta de persoal, polo que as medidas de hixiene non se poden garantir”.
Por iso levarán a cabo unha asemblea de traballadoras/es este mércores ás 12:00 horas na que abordarán esta problemática e decidirán as medidas a adoptar na busca dunha solución que na súa opinión pasa por que as direccións dos centros se impliquen e se sumen ás súas reivindicacións para lograr que a Xunta contrate máis persoal.
Conflito colectivo
Precisamente o sector de Autonómica da CIG-Administración presentou o pasado martes un conflito colectivo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) contra a Xunta polo abuso e a explotación laboral que está a padecer o persoal encargado da limpeza dos centros educativos galegos. Dende a central denuncian que a Consellaría de Educación impuxo novos horarios e triplicou a carga de traballo para atender as necesidades derivadas da covid sen que se producise nin unha soa nova contratación.
Segundo sinalan, estas modificacións de horario leváronse a cabo sen a negociación previa coa representación do persoal que establece a lei e supón que limpadoras/es que acudían de tarde en horario continuo agora estean ao dispor das direccións dos centros. “Xa nos atopamos con cambios de horario de tarde a xornada partida ou incluso a horario nocturno de 22:00 a 6:00 horas”.