O Sergas vulnera o dereito de folga do persoal do 061 ao impor uns servizos mínimos do 100%
O Comité de Folga do persoal estatutario dos centros de traballo da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia–061 de Santiago de Compostela vén de presentar alegacións aos “abusivos” servizos mínimos decretados polo Sergas con motivo da folga indefinida que comezará o vindeiro día 1 de agosto. Mario Otero, representante do comité e presidente da Xunta de Persoal, advirte que de non terse en conta as alegacións “recorreremos ao Xulgado para defender o noso dereito á folga” que consideran, neste intre, “vulnerado”.
Otero explica que a administración estableceu unha cobertura do 100% dos efectivos sanitarios da atención urxente prestada a través do 061 pola Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061 e unha cobertura de até un máximo do 20% dos efectivos non sanitarios dos servizos administrativos, en atención ao usuario, persoal, subministracións, contabilidade, facturación e cobros.
En quenda de mañá, estableceuse un efectivo de presenza física de persoal das tecnoloxías da información e comunicacións; en quenda de tarde e noite, localizado.
Desproporcionado
O comité de folga entende que “é desproporcionada” a fixación deses servizos mínimos e lembra que existe unha “xurisprudencia da Sala do contencioso do Tribunal Supremo” que así o establece.
De feito salienta que, segundo esta xurisprudencia do TS, a existencia dun servizo mínimo esencial non constitúe por si soa unha razón suficiente para o establecemento dos servizos mínimos do 100%; que non cabe fixalos do 100% mesmo no ámbito das urxencias porque “iso equivale a cercenar o exercicio do dereito de folga” e que alcanzar o nivel de rendemento habitual equivale a impedir o dereito de folga.
Xunto a isto, Otero matiza que “é totalmente incoherente que fixen un 20% para o persoal non sanitario, cando non traballan os festivos”. Respecto do 100% do efectivos sanitarios para atención urxente prestada a través do 061, afirma que “a central non só atende o 061 tamén atende un número de consulta sanitaria 902400116” e especifica que ademais, non todas as chamadas que atende o 061 son urxencias ou emerxencias. “O 20% aproximadamente son procesos non asistencias informativos".
Por iso considera que hai un intento da administración de “desactivar a capacidade de presión da folga”, demanda que se atendan as alegacións presentadas mudando o criterio e advirte que, de non o facer así, presentarán denuncia perante o xulgado.