O Sergas vulnera de novo o dereito de folga do persoal de Ambulancias do Atlántico na área de Vigo
O comité de Ambulancias do Atlántico denuncia que o Sergas vulnera unha vez máis o seu dereito de folga ao decretar uns servizos mínimos abusivos, como xa fixera en 2019 durante os paros para reclamar un convenio colectivo digno, segundo decretou posteriomente o TSXG. Hoxe ten lugar a primeira das catro xornadas de folga convocadas no servizo de transporte sanitario urxente e programado da área de Vigo para rexeitar os incumprimentos da empresa, e técnicos/as de emerxencias desenvolveron unha concentración no hospital Álvaro Cunqueiro.
Dende a representación do cadro de persoal critican que a Administración teña fixado uns servizos mínimos do 100% no transporte urxente, “algo que era de agradar”, e de practicamente o 100% no programado, con algunha excepción nos traslados para rehabilitación.
Acusan o Sergas de “mirar cara ao outro lado” ante os incumprimentos de convenio e en materia de seguridade e saúde laboral, ao que se suma o recente despedimento de catro traballadores/as. Neste senso, entenden que esta vulneración do dereito de folga “amosa a connivencia da Administración coa empresa, xa que contrata servizos en precario e deixa que as compañías fagan o que queiran”.
De feito, Ambulancias do Atlántico comunicou sen previo aviso os catro despedimentos alegando “unha suposta baixada no rendemento laboral, algo imposíbel de cuantificar e de demostrar no noso caso, que non producimos nada senón que tratamos con persoas”. Logo pechouse en banda e non quixo reunirse coa representación sindical. “Diante disto só nos queda a mobilización e a folga”, indican dende o comité, presidido pola CIG.
Denuncia contra o Sergas e a empresa
Mais neste punto entra o Sergas, que coa súa actitude impide que o persoal exerza o seu dereito a secundala, como xa aconteceu durante os paros convocados en 2019 para reclamar un convenio digno. “O TSXG decretou que os servizos mínimos eran abusivos, pero cando a folga xa rematara”. Nesta ocasión presentaron tamén un recurso contra os servizos mínimos, que foi desestimado pola Administración.
Diante disto, volverán denuncialos no Xulgado, “aínda que cado chegue a resolución os paros xa terán rematado”, ao tempo que presentarán unha demanda contra a empresa despois de que lle comunicase aos traballadores/as que estaban obrigados/as a ir a traballar cando aínda se estaban a negociar os servizos mínimos.
Coincidindo coa folga, técnicos/as de emerxencias están a desenvolver un calendario de mobilizacións que comezou hoxe cunha concentración no hospital Álvaro Cunqueiro e que continuará este mércores 30 en Povisa ás 12:00 horas, o venres 1 de abril nas instalacións da empresa en Mos ás 12:00 horas e o luns día catro no hospital Nicolás Peña ás 12:00 horas.