O SERGAS traslada a tensión polo aumento dos contaxios ao persoal sanitario prolongando xornadas e recortando descansos
A CIG-Saúde quere desmentir o relato que a Xunta pretende impor a respecto de que a quinta vaga de contaxios de covid-19 non está tensionando a sanidade pública, cando se están recortando as vacacións do persoal, se lle denegan permisos e días de libre disposición e se lles obriga a realizar hora complementarias, afondando así no esgotamento físico e mental que acumula este colectivo laboral "que xa non aguanta máis".
Para a CIG-Saúde resulta tremendamente preocupante esta política "de cara á galería" do goberno de Feixoo "que non ten para nada en conta o persoal do SERGAS", minimizando a saturación do sistema cando todas a xerencias están emitindo instrucións para recortar vacacións, permisos e días de libre disposición e solicitando, tanto na Atención Primaria como no dispositivo de vacinación, que se fagan horas complementarias (que se pagan por debaixo do valor da hora extraordinaria e en moitas áreas nin sequera queren abonar o módulo de día festivo e de nocturnidade).
"Suprimir o dereito a descansar e a conciliar do persoal sanitario non indica para a Xunta de Galiza que a sanidade pública estea tensionada. Será porque quen carga de verdade con esa tensión son os traballadores e as traballadoras que despois de máis dun ano de sobreesforzo e de entrega diaria para garantir a calidade asistencial, vén como se lle seguen recortando e denegando dereitos laborais", asevera María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde.
Lembra que a primeira medida que adoptou Feixoo tras chegar á Presidencia foi suspender os acordos retributivos e conxelar os salarios dos traballadores/as da sanidade nos exercicios 2010, 2011 e 2012. Un castigo que perdura, pois de maneira sistemática, a Xunta négase a negociar un acordo na mesa sectorial para devolver os salarios subtraídos nese período e incluso a establecer un calendario para a súa recuperación. "Este é o pago que nos dá Feixoo por sacar adiante a atención sanitaria, aínda cun sistema moi mermado tras anos de continuos recortes orzamentarios, de medios e efectivos", denuncia Abuín.
Precariedade e recorte na atención
A pandemia da Covid-19 evidenciou o déficit estrutural de persoal que ten o sistema sanitario galego, tanto na Atención Primaria como na hospitalaria, así como a elevada precariedade laboral que se dá neste servizo público. A consecuencia desta política laboral que o goberno do PP veu aplicando na última década maniféstase na fuxida das e os profesionais a outras comunidades e estados ou cara ao sector privado na procura de mellores condicións laborais e dunha estabilidade no emprego que o SERGAS non ofrece.
A falta de traballadores e traballadoras, que afecta a practicamente todas as categorías, xunto co baleirado das listas de contratación pola fuga dos/as profesionais, leva ao SERGAS a suprimir dereitos básicos do persoal, como o dereito ao descanso ou a poder conciliar, para poder afrontar a atención ordinaria e a extraordinaria, incrementada este último ano e medio pola pandemia do SARS-CoV-2.
As consecuencias desta política de recortes e de precariedade págana tanto o persoal sometido a un enorme sobreesforzo, como os usuarios e usuarias, a quen se lles limita o dereito a recibir unha asistencia de calidade e en condicións dignas, ademais de ter que padecer longas listas de agarda e ser derivados/as á privada.
Que a Xunta pretenda enganar e encubrir esta desfeita neste servizo público esencial, repetindo como un mantra que o actual pico de contaxios non tensiona a sanidade, constitúe unha burla tanto para o persoal ao que se lle denega o goce das vacacións e dos permisos e se lles obriga a prolongar a súa xornada laboral, como para os/as doentes a quen se lle limita o dereito a recibir unha atención próxima, rápida e nas mellores condicións asistenciais.