O Sergas “resolve” a falta de persoal médico en atención primaria acurtando a formación dos MIR
O Sergas pretende resolver o problema da falta de médicos/as en atención primaria durante o verán acurtando o tempo de formación dos e das profesionais residentes mediante un sistema de encomendas que permitirá que poidan cubrir ausencias antes de ter completado o período formativo. Ademais, a CIG-Saúde denuncia que a Consellaría de Sanidade vén de remitirlle ás Xerencias unhas instrucións sen pasar pola mesa sectorial que afectan as condicións laborais e retributivas deste persoal MIR.
A central sindical envioulle un escrito á directora xeral de Recursos Humanos do Sergas nada máis coñecer o Acordo do Consello de Dirección do departamento autonómico, do 5 de xuño de 2024, sobre a encomenda de funcións ao persoal residente no seu cuarto ano de formación na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria no que pon de manifesto unha serie de eivas e reclama distintas aclaracións.
No escrito a CIG-Saúde lembra que no mes de maio, ante a información de que a Consellaría pretendía realizar encomendas parar que o persoal MIR de Medicina Familiar e Comunitaria e de Pediatría, do último ano, realizasen traballo asistencial, esixiu que na Mesa sectorial se tratase o tema e se elaborase unha instrución regulando as condicións de traballo, responsabilidades, supervisión, retribucións e como se ían valorar eses servizos prestados nos distintos procesos de selección. “Pero agora vemos como o Sergas fai público un acordo, sen negociación previa na mesa sectorial, que recolle modificacións das condicións laborais e retributivas do persoal residente”, censuran.
En canto ás retribucións, a central critica que as que se ofertan non se corresponden coas que perciben os médicos/as especialistas “e das que descoñecemos como se realizou o seu cálculo”. Neste senso, sinalan que durante a pandemia realizáronse tamén encomendas ao persoal MIR, pero nese caso a instrución recollía <<Recoñecer aos citados profesionais sanitarios as percepcións económicas da categoría profesional correspondente durante o tempo que desempeñen as ditas funcións, así coma promover a valoración dos servizos prestados na citada categoría/especialidade nos procesos selectivos e de provisión de postos dentro do sistema público de saúde de Galicia>>.
Supervisión
No que ten que ver coa supervisión do persoal, o Acordo do Sergas establece que <<Para realizar esa encomenda contarase co visto e prace da comisión de docencia, que incorporará, de ser o caso, as adaptacións que poidan ser precisas no plan de formación e en materia de supervisión>>. Para CIG-Saúde é necesario clarificar, antes da oferta de encomenda, como se vai garantir a supervisión e que profesionais a asumirán nos ámbitos nos que se desenvolva o traballo da encomenda. A CIG entende que a persoa que exerza a supervisión do persoal residente deberá estar no mesmo centro, ao tempo que esixe que se clarifique que o persoal residente non pode exercer estas encomendas en soidade nun centro.
Incentivos
Con respecto aos incentivos, o Acordo sinala que <<A aceptación da encomenda proposta pola xerencia poderá incentivarse por esta cun compromiso escrito de vinculación estable que se fará efectiva tras a obtención da especialidade>>. O que fai que a CIG se pregunte se isto significa que a este persoal se lle vai dar unha preferencia na contratación saltándose as listas de contratación. E tamén reclama información sobre o tempo de duración deste compromiso de vinculación estábel, do tipo de contrato e a que centros se vai adscribir.
A tenor do texto, cada xerencia pode negociar individualmente cos residentes e ofrecerlles, ou non, este compromiso de vinculación. Os termos dese compromiso son negociábeis, de tal maneira que unhas xerencias poden ofrecelo cunhas condicións e outras con outras, e incluso que se lles oferte a uns residentes e a outros non, dentro dunha mesma xerencia. “Entendemos que isto pode abrir unha competencia entre xerencias para captar aos novos especialistas”.
No referente aos servizos prestados indícase que <<Promoverase que os servizos prestados atendendo a consulta ordinaria dun cupo, ademais de co incentivo económico previsto na letra a) do número 1 anterior, sexan valorados para todos os efectos nos termos previstos para o persoal estatutario médico de atención primaria>>. “No texto queda fóra o tempo de traballo facendo “gardas” en PAC ou Urxencias”.
Por iso a CIG reclama que se aclare se só se recibirá a puntuación se se asume un cupo de atención primaria e se conta ou non o tempo que destinen a cubrir urxencias hospitalarias ou PAC. “Se o residente só fai gardas en PAC e urxencias hospitalarias, ese tempo de garda non será valorado para todos os efectos nos termos previstos para o persoal estatutario médico de atención primaria?”.
Información
<<As xerencias comunicarán aos órganos de representación do persoal (xuntas de persoal /comisións de centro) as encomendas que se realicen en aplicación deste Acordo>>. Segundo o texto, as organizacións sindicais só teñen dereito a que se lles informe das encomendas que se realicen. “Pero non especifica que información nos teñen que dar: o número de encomendas ofertadas? A relación nominal de residentes que aceptan as encomendas? Os centros nos que prestarán os servizos? Os compromisos de vinculación que acorden cos residentes?”.
Finalmente, a CIG-Saúde incide en que “ten que quedar claro” que as Xuntas de Persoal/Comisións de Centro deben de recibir toda a información en relación con este Acordo do Consello de Dirección do Sergas.