O SERGAS oculta ás traballadoras xestantes o dereito a gozar dun permiso retribuído a partir da semana 37
A CIG-Saúde lembra que a disposición adicional décimo sexta do Estatuto Básico do Empregado/a Público/a recolle o dereito das mulleres xestantes, traballadoras do SERGAS, a ter un permiso retribuído a partir do primeiro día da semana 37 de embarazo até a data do parto. Un permiso que, no caso de xestación múltiple iniciarase desde o primeiro día da semana 35.
Porén, denuncia que a consellaría de Sanidade, non publicou ningunha resolución ao respecto e non está informando debidamente ás súas traballadoras dos seus dereitos. “ Que non publicase ningunha resolución, non quer dicir que as traballadoras xestantes do SERGAS non teñan dereito a este permiso. Simplemente quer dicir, que o SERGAS pretende roubarlle este permiso as súas traballadoras”, afirma María Xosé Abuín.
Por iso, fronte o silencio do SERGAS, a secretaria nacional da CIG-Saúde lembra ás traballadoras que poden solicitar este permiso e exercer así os seus dereitos ao igual que calquera outra empregada pública.
Con este silencio, o SERGAS e a consellaría de Sanidade poñen de manifesto a súa nula preocupación pola maternidade e pola saúde das mulleres xestantes.