O SERGAS non deu os pasos necesarios para aplicar o acordo de melloras retributivas e de redución de xornada

CIG-Saúde exixe que se garanta a aplicación integral con efectos desde o 1 de xullo
Nacional - 23 Xun 2023

A CIG-Saúde denuncia que o SERGAS non deu os pasos necesarios para aplicar o acordo acadado o 20 de abril, que recolle melloras retributivas e reduce a xornada até acadar a equivalente ás 35 horas semanais. Afirma que aínda non está publicado no DOG nin está actualizada a Orde de Nóminas. A central sindical exixe que se garanta a súa aplicación integral con efectos desde o 1 de xullo, tal e como estaba comprometido, a todo o persoal estatutario do SERGAS, Axencias, Fundacións.

CIG-Saúde entende que hai cuestións concretas da aplicación do acordo que non poden quedar á interpretación das Xerencias das Áreas Sanitarias e que deben ser tratadas na Mesa Sectorial.

Gardas, atención continuada, nocturnidade e festividade

  • Precisamos os cadros con todas as contías actualizadas a 1 de xullo de 2023, e a 1 de xaneiro de 2024. E a publicación dunha nova Orde de nóminas

Descansos e organización das gardas

  • No mes de xuño a Mesa Sectorial tiña que analizar como se están aplicando as libranzas de gardas e o tratamento das gardas localizadas nos centros. O obxectivo é garantir os descansos diarios e semanais.
  • CIG-Saúde defende que hai que establecer un máximo de horas de garda localizada.

Turnicidade nas quendas de tarde e deslizantes

  • Crear o complemento de turnicidade nas quendas de tarde e deslizantes en Atención Primaria.
  • CIG-Saúde defende que tamén se ten que retribuír o complemento de turnicidade nas quendas fixas de tarde de Atención Hospitalaria.

Xornada

  • Que as Xerencias apliquen o acordado, isto é que se reducirán 3 sábados no ano 2023, independentemente dos que figuren na carteleira, tanto en atención primaria coma en atención hospitalaria, e que a aplicación é efectiva desde o sábado 1 de xullo.
  • Revisar as categorías e centros nos que a compensación dos sábados se faga dunha forma singular: media hora todos os días, 2,5 horas á semana, unha tarde cada 3 semanas...
  • Hai que adaptar as táboas da xornada e as fórmulas do Acordo de Concertación Social (ACS), pasando no ano 2023 ás 1624 horas/ano.
  • A Xornada dos PSX e Celadores dos PAC é a recollida no ACS coa redución en función das noites realizadas.
  • Hai que adaptar as fórmulas do cálculo de xornada do persoal do acordo de Puntos de Atención Continuada (PAC) e de Médicas/os de Urxencias Hospitalarias (MUH).