O SERGAS négase a dar solucións as demandas do persoal dos PACs
Traballadores e traballadoras dos Puntos de Atención Continuada de Galiza concentráronse este venres na Consellaría de Sanidade coincidindo coa xuntanza da comisión técnica creada para dar solución as reivindicación deste colectivo. A xuntanza, que dende a CIG-Saúde cualifican de "desastre", serviu para comprobar a escasa vontade da administración para resolver as demandas do persoal dos PACs.
A CIG-Saúde denuncia que a adminsitración "tratou de silenciar as nosas opinións para impedir centrar o debate e saír da reunión cun compromiso de solución para o cómputo da xornada, así como diferenciar a xornada ordinaria e a complementaria".
Así resumía o contido da reunión a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, quen acusou ao SERGAS de pretender seguir dilatando no tempo a busca de solucións para este colectivo, xa que a súa única proposta foi atrasar o tema "até unha próxima reunión na que traer un informe no que estudaría as nosas propostas, sen falar do que aconteceu até o de agora". Abuín lembra que na xuntanza deste venres só estaba previsto abordar un dos once puntos da plataforma reivindicativa: o relativo á xornada laboral.
"Desde a CIG-Saúde solicitamos valorar o pasado para construír o futuro, e de persistir a súa proposta de informe este tería que ser presentado nunha nova reunión nun prazo non superior a 15 días, pois despois de 10 anos (en referencia aos acordos pactados en 2008 e suspendidos pola Xunta do PP) deben saber como funciona a xornada", engade.
Porén a administración, co apoio doutras organizacións sindicais presentes na mesa, propuxo que na próxima reunión -que terá lugar a finais de maio- se convocara unha nova reunión "para falar só dos equipos completos nos PACs, polo que da xornada laboral non se volverá falar até o de xuño, se procede". Unha dinámica claramente dirixida a prolongar no tempo as negociacións, mais sen chegar a solucións.