O SERGAS limita ás súas traballadoras dar lactación materna
CIG-Saúde denuncia que no SERGAS non existe unha adaptación real dos postos de traballo, o que leva a que as mulleres teñan que abandonar a lactación materna. Por iso esixe medidas de protección á lactación materna natural.
Segundo explica, cando as traballadoras solicitan unha adaptación de posto por lactación materna, este procedemento é pouco áxil, é frecuentemente ocorre que se adapten mal ou incluso que sexan denegadas.
Afirma que, ademais, están sendo denegadas adaptacións de posto por exceder dos 9 meses da crianza, porque o SERGAS basea a adaptación do posto tendo en conta a prestación por risco laboral na lactación materna do INSS e non no feito en si de dar lactación materna natural.
Tampouco existen espazos adaptados que garantan tanto a extracción de leite como que se poidan aleitar as crianzas en condicións que se garanta a intimidade e/ou seguridade.
A CIG-Saúde lembra que as Xerencias deben ter todos os postos coas súas avaliacións de riscos feitas, onde se identifiquen os riscos específicos para a lactación materna. Por iso exixe:
- A avaliación específica de tódolos postos de traballo en canto á lactación materna natural para que a adaptación sexa áxil e inmediata.
- Que a adaptación de posto se manteña ata que a traballadora decida rematar coa lactación materna, en consonancia coas recomendacións da OMS, sociedades científicas e mesmo o SERGAS sobre promoción da lactación prolongada.
- Que se dispoña dun espazo de lactación no seu centro, ou ben para aleitar a súa crianza, ou para a extracción do leite materno en condicións de intimidade e seguridade.