O Sergas incumpre o decreto de transporte sanitario ao permitir que doentes infectocontaxiosos viaxen en ambulancias colectivas
Dende o sector de Transportes da FGAMT-CIG aseguran que o Sergas está a incumprir de xeito consciente o decreto de transporte sanitario ao permitir que doentes infectocontaxiosos sexan trasladados/as en ambulancias colectivas conxuntamente con outros/as enfermos/as. Dende a central lembran que xa lle advertiran ás distintas EOXI dos riscos que esta práctica pode supoñer para os condutores/as, as súas familias e a poboación en xeral.
Na CIG saen ao paso das afirmacións dos responsábeis do Sergas tras a denuncia feita este sábado polo comité de empresa de Ambulancias do Atlántico (3 CCOO, 3 UGT e 3 CIG), concesionaria do transporte sanitario público na área de Vigo, nas que aseguran que a representación do persoal nunca puxo en coñecemento da Administración a existencia de problemas no traslado de pacientes. Dende a CIG lembran que lle remitiron escritos e mesmo mantiveron xuntanzas coas distintas EOXI para abordar as condicións nas que se leva a cabo o manexo de pacientes con enfermidades infectocontaxiosas.
De feito, sosteñen que nas propias EOXI lles confirmaron que o Sergas autorizaba o traslado destes doentes en ambulancias colectivas xunto con outros enfermos/as, algo totalmente prohibido segundo a normativa (RD 836/2012), tal e como sinala o comité de empresa.
“O problema é que o Sergas non inclúe o persoal de ambulancias no protocolo de seguridade que si lles aplica os traballadores/as dos hospitais, así que nos atopamos con que os traballadores/as do transporte sanitario poñen en risco a súa saúde, a das súas familias e a da poboación en xeral ao estar en contacto con doentes infectocontaxiosos”, explica o responsábel do sector de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza.
Outros incumprimentos
E isto é así porque o Sergas non os considera persoal sanitario xa que non traballan directamente para o servizo público, “polo que se rompe a cadea de protección que hai que aplicar con este tipo de doentes, orixinándose un problema de saúde pública ademais de laboral”. Como exemplo cita o que sucede na área de Vigo, “onde temos constancia de tres casos de pacientes con doenzas deste tipo que son levados/as a diálise aos que se lles aplica o protocolo de illamento no hospital, pero que tanto no transporte de ida como no de volta comparten vehículo con outros enfermos/as”.
Aínda que estes non son os únicos incumprimentos do decreto de transporte sanitario. Segundo denuncia Pastoriza, os doentes con osíxeno, con soro, ou en padiola terían que viaxar tamén sós na ambulancia e non con outros/as pacientes tal e como se está a facer. “Como tampouco está a viaxar ninguén cos enfermos/as na parte de atrás da ambulancia para poder atendelos/as no caso de que lles suceda algo durante o traxecto, como pasou recentemente na Coruña”.