O SERGAS deixa fóra do primeiro grupo de vacinación da gripe o persoal de ambulancias
A FGAMT-CIG denuncia que o SERGAS volve castigar o persoal Técnico de Emerxencias Sanitarias (TES) non incluíndoo no primeiro grupo de vacinación da gripe dirixida ao persoal de hospitais, atención primaria, sanidade privada e centros socio-sanitarios, que se levará acabo entre o 18 ao 24 de outubro.
Responsábeis da dirección xeral de Saúde Pública confirmáronlle o mércores á CIG que estudarán a inclusión das e dos profesionais sanitarios das ambulancias en Galiza no mesmo grupo que as mulleres embarazadas e o persoal de oficina de farmacias.
"Esta decisión chove sobre mollado, xa que na vacinación da Covid-19, o SERGAS non contou cos traballadores e traballadoras do servizo programado de ambulancias para o primeiro grupo de vacinación a pesar de que trasladaban, entre outras persoas, a pacientes contaxiados/as de coronavirus".
Usuarios/as das ambulancias en risco
Para a FGAMT-CIG resulta esencial que a consellería dea marcha atrás nesta decisión e siga as súas propias recomendacións a respecto de priorizar a vacinación entre o persoal sanitario e socio-sanitario co obxectivo de protexer as persoas máis vulnerábeis fronte á gripe.
Cómpre salientar que este ano as autoridades sanitarias prevén que a gripe chegue antes e máis forte debido á falta de inmunidade previa e o levantamento de restricións, chegando a multiplicar por dous o risco de morte en caso de coinfección.
"Se non se vacina ás e aos profesionais TES ao mesmo tempo que o resto de persoal sanitario, non se poderá evitar que cheguen a transmitir a enfermidade ás usuarias e usuarios cun un alto risco de presentar complicacións", advirten.
Ademais, indican que como novidade, este ano é necesario enviar a Saúde Pública o número de profesionais a vacinar para o cálculo de doses antes do inicio da campaña, non sendo posíbel acudir aos centros de saúde para recibir a dose durante calquera momento da campaña de vacinación como en temporadas anteriores.