O Sergas dará cursos a profesionais da saúde en lugar de mellorar a calidade das agullas de insulina
O pasado mércores día 5 de xullo publicábase no DOG unha resolución do Servizo Galego de Saúde pola que se encomenda á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde a formación das/os profesionais do SERGAS para o manexo das agullas de insulina que se subministran ás persoas con diabetes. A CIG-Saúde considera “inadmisíbel que se responsabilice deste xeito ás/aos profesionais e ás/aos doentes da mala calidade do material”.
Desde hai máis de un ano vense denunciando a mala calidade do material proporcionado ás persoas diabéticas e as consecuencias que o seu uso provoca para as/os doentes. Tal é así, que durante todo este tempo máis de 400 persoas afectadas presentaron denuncias perante a consellaría, as xerencias, a Valedora do Pobo, no Parlamento de Galiza e mesmo diante dos xulgados.
As complicacións derivadas do uso dese material de mala calidade son de sobra coñecidas polas autoridades da Consellaría de Sanidade, ao teren sido reiteradamente evidenciadas tanto polas asociacións de diabéticos/as, como pola Plataforma S.O.S. Sanidade Pública ou a CIG-Saúde.
Porén, no canto de rescindir o contrato coa empresa subministradora o que fixo a consellaría foi renovarlle o contrato a “Productos Sanitarios Gallegos, Prosaga, S.L.” en novembro de 2016 por dous anos máis. “Non satisfeita con esta decisión, agora a consellaría rebota a responsabilidade das complicación provocadas polo uso deste material ás/aos profesionais da sanidade pública e ás/aos doentes insinuando que eses problemas veñen provocados polo uso inadecuado das agullas de insulina”, denuncia a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.
En concreto na resolución publicada pola consellaría e asinada polo propio conselleiro de Sanidade afírmase que “esta actividade formativa debe estar enmarcada dentro da formación referida ao uso adecuado das agullas de insulina”.
Diante disto, Abuín asegura que “a mellor evidencia de que as agullas non serven é a denuncia dos profesionais sanitarios, que teñen sobrada formación, coñecemento, actitudes e capacidades no manexo deste material e a denuncia das/os propias/os afectadas/os”.
A CIG-Saúde exixe, como xa vén facendo a propia Plataforma SOS Sanidade Pública –da que a central sindical fai parte- e as asociacións de persoas diabéticas, a rescisión do contrato coa empresa subministradora, a retirada de todo este material que provoca mçais lesións que beneficios e a súa substitución polo material de calidade que hai no mercado e que non encarece o prezo, tal e como xa fixeron outras comunidades.
Consecuencias para as/os doentes
Os centros de saúde son os que entregan ás e aos doentes diabéticos agullas descartábeis para a administración de insulina mediante plumas precargadas, para a súa auto-inxección. Para que a insulina se absorba correctamente debe inxectarse, preferibelmente, no tecido subcutáneo do abdome, onde se demostrou unha máis rápida absorción, en coxas ou brazos. Polo tanto, unha correcta escolla do tamaño da agulla é fulcral para conseguir un tratamento efectivo e seguro.
No caso do Servizo Galego de Saúde, as agullas para pluma de insulina proporcionadas aos doentes e fornecidas pola empresa Prosaga, S.L. Agullas “presentan constantes problemas de seguridade, con eventos adversos e complicacións diversas”.
Entre outros problemas, non enroscan ben na pluma, o que provoca fugas ou derrame de insulina e polo tanto a administración dunha cantidade inferior á necesaria, con mudanzas no control metabólico, como hiperglucemias ou hipoglucemias.
Nas múltiples denuncias presentadas constátase ademais que as agullas se dobran, causando desgarros ao retirarse do corpo, o que provoca “dor intensa, sangramentos, hematomas, abscesos e inchazo”. E non só iso, as/os doentes teñen denunciado que “parten dentro do corpo, requiríndose en moitas ocasións intervencións cirúrxicas para extraer a agulla”, producen edemas en doentes que, en moitos casos, deben auto-inxectarse insulina dúas ou tres veces ao día. Isto xunto con problemas psicolóxicos, sobre todo en nenos/as con medo a pincharse pola dor.