O SERGAS anuncia plans de continxencia da gripe cando as urxencias xa están sobrecargadas
CIG-Saúde vén de denunciar a falta de previsión do SERGAS, que acaba de anunciar plans de continxencia da gripe e outras afeccións respiratorias cando estas patoloxías teñen xa sobrecargados os servizos de urxencias. Exixe, en todo caso, que eses plans de continxencia contemplen a contratación estable de persoal de todas as categorías para dar resposta ao incremento da demanda.
Neste sentido, a CIG-Saúde denuncia que os plans presentados falan de reforzar o persoal cando se requira, de revisións diarias da situación e de ir adecuando os recursos humanos á situación epidemiolóxica.
Fronte a isto, o secretario nacional, Manuel G. Moreira denuncia que “a contratación de reforzos, día a día, non permite crear equipos de traballo estables e somete ao persoal a situacións de sobrecarga que se traducen nunha deficiente atención sanitaria”.
Imprescindible planificación
Entende que a planificación debería realizarse polos períodos onde os datos epidemiolóxicos e o historial da demanda xa indica que é necesario reforzar os servizos, contratando o persoal necesario para todo o período.
“Os modelos de contratación día a día, en función da demanda, van sempre por detrás das necesidades asistenciais, sobrecargan os equipos de traballo e precarizan as condicións de traballo do persoal das listas de contratacións”, conclúe.