Adxudícanlle o mantemento de electromedicina no hospital do Salnés a empresa que xa incumpriu contratos
A CIG-Saúde vén de denunciar a adxudicación do contrato de mantemento do equipamento de electromedicina e das instalacións asociadas no hospital do Salnés a Ibérica de Mantenimiento (Ibermansa) a pesares do seu historial de incumprimentos de contratos anteriores. O contrato subscrito entre esta empresa e a EOXI Pontevedra-Salnés ascende a 59.774,00 euros por un período de 12 meses.
Segundo explican dende a central, Ibermansa -empresa adxudicataria no seu día dun megacontrato para o mantemento de electromedicina de todos os hospitais da rede do Sergas- é tristemente coñecida por incumprir todos e cada un dos acordos dese contrato. Polo tanto, consideran inexplícabel que agora sexa beneficiada con novas adxudicacións de contratos en Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense.
“Non sabemos a que obedece esta decisión dos responsábeis do Sergas; ou ben se trata de premiala polo desastre que supuxo aquel contrato ou ben se está a favorecer os intereses dunha empresa privada con moitos tentáculos na Consellaría de Sanidade”.
Lembran que a CIG denunciou no seu día no Parlamento galego os incumprimentos de Ibermansa, e os máximos responsábeis, entre eles/as a anterior conselleira, “non foron quen de dar argumentos cribles de por que se seguía mantendo relacións contractuais con esta empresa; agora volven ás andadas”.
Prexuízos económicos e asistenciais
Sosteñen que estes incumprimentos de contrato por parte desta empresa ocasionáronlle ao Sergas graves prexuízos económicos e asistencias. A pesares desta nova adxudicación de contratos, desde as distintas Xerencias estanlle a reclamar a Ibermansa compensacións económicas (de acordo coas cláusulas recollidas no contrato) por traballos facturados e non realizados ou por graves infraccións na execución do mantemento.
“Que intereses ten o Sergas para volver a contratar con esta empresa despois do ocorrido co contrato anterior?” Finalmente, denuncian tamén a precariedade laboral que padecen os traballadores/as desta compañía, “con xornadas maratonianas e salarios míseros”.