O segundo Encontro de Mulleres da CIG denuncia os premios institucionais a empresas que exercen violencia contra as mulleres
A CIG conmemorou este 25 de novembro, ‘Día Internacional contra a violencia contra as mulleres’ co 2º encontro de delegadas, unha manifestación desde San Lázaro e unha concentración en San Caetano, diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza. Unha data que , segundo explicou Margarida Corral, secretaria das Mulleres da central sindical “é unha máis na nosa axenda, un día máis de combate contra a violencia machista” contra hai que loitar todo o ano.
E precisamente “Combatendo a violencia machista” foi o lema escollido este ano pola CIG para a campaña que vén desenvolvendo arredor do 25 de novembro. Un lema para chamar a combater a violencia contra as mulleres en todos os ámbitos, “desde o máis próximo, que é a empresa, pero tamén en todos e cada un dos momentos das nosas vidas”, explicou Corral, quen advertiu que “non imos ficar caladas, non imos celebrar minutos de silencio, non imos dicir que isto son espazos libres de violencias machistas porque a vivimos a cotío todos os días do ano”.
Violencias que foi enumerando e que compartiu coas persoas presentes na concentración. “Todas sufrimos algunha vez violencia obstétrica nas nosas vidas; todas sufrimos nalgún momento, desde que somos meniñas, violencia sexual; todas padecemos, nun momento dado, un acoso por exercer os nosos dereitos como traballadoras: os nosos dereitos de conciliación, os nosos dereitos máis básicos”.
Con esta concentración, ao remate do percorrido da manifestación, na que participaron as delegadas da CIG que asistiron ao encontro, mais tamén compañeiros e compañeiras que se uniron no seu percorrido, culminaba unha intensa mañá de debate, no que se tratou de identificar as causas da violencia, negociar os procedementos de prevención e acordar as formas de actuación.
Unha concentración que tivo lugar diante da Xunta de Galiza xustamente para denunciar o abandono de políticas, medidas e estratexias destinadas á igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes ou a supresión do do Servizo Galego de Igualdade. Decisións que Margarida Corral considerou “unha mostra dos retrocesos en materia de igualdade por parte dos gobernos do Partido Popular, a pesares do incremento da violencia machista”.
Violencias no traballo
O Encontro, que se desenvolveu antes da manifestación, iniciouse lembrando ás mulleres asasinadas en Galiza este ano, mais tamén en 2015, que foi o máis terríbel desde que se recollen datos, xa que dos 19 asasinatos que se produciron en Galiza, nin máis nin menos que 10 foron de mulleres e por violencia machista.
De seguido fíxose unha revisión do cumprimento dos acordos acadados no encontro do ano anterior e, a partir de aí, fóronse analizando casos concretos de situacións de violencia vividas en empresas, nomeadamente naquelas máis feminizadas.
Antes de entrar polo miúdo na cuestión, Corral salientou que, segundo os datos feitos públicos polo propio Consello Xeral do Poder Xudicial, Galiza é a segunda comunidade despois da de Madrid na que máis demandas por problemas de conciliación se presentan. Demandas que representan o 79% e que revelan até que punto no ámbito laboral se vulneran os dereitos das mulleres traballadoras.
Dereitos que, lembrou, están contemplados na lexislación como excedencias, permisos por maternidade, por lactación ou por riscos no embarazo, prestacións e demais, que as mulleres se ven obrigadas a reclamar recorrendo á vía xudicial para que sexa a xuíza ou o xuíz quen obrigue ás empresas a cumprir.
Por iso pediu ás asistentes, delegadas sindicais, unha especial atención "a todas as violencias que hai polo feito de ser mulleres", para identificalas e presentar propostas para poder combatelas. "Violencias que vemos todos os días, pero que moitas veces non identificamos como tales".
Casualmente, e mentres isto ocorría no encontro da CIG, facíase público o anuncio de que o Ministerio de Sanidade outorgaba un premio a esta empresa "polo seu compromiso contra a violencia de xénero".
Canda este caso, denunciouse tamén a hipocrisía doutras empresas, como Inditex, que non dubidan en colgar nos seus trinques carteis indicando que son espazos libres de violencia machista, cando, segundo as presentes, a exercen de mil formas posíbeis, desde a forma en que obrigan a vestir ás súas traballadoras, até polo trato laboral que lles dan.
Tampouco quedou libre de crítica a Catedral de Santiago, que pendurou da súa fachada un cartelón adheríndose a unha campaña contra a violencia contra as mulleres que as asistentes consideraron un insulto á intelixencia, polo papel ao que a igrexa relega ás mulleres.
Protocolos de acoso
No encontro tamén se valorou a importancia de que as empresas conten con protocolos de acoso tanto sexual como laboral, mais tamén se incidiu na necesidade de formar ás delegadas e afiliadas para que non toleren nin estes acosos, nin as actitudes machistas no ámbito do traballo.
A este respecto tratáronse casos diversos, desde acosos en empresas até acosos en institucións como concellos e abordáronse casos concretos nos que, en vía xudicial, compañeiras e compañeiros presionados polas empresas declaran en contra das mulleres acosadas.
Por iso denunciouse tamén que "os acosos perviven nos centros de traballo porque hai mulleres e homes cómplices" e insistiuse na necesidade de, máis alá dos procesos xudiciais, presionar coa mobilización. Xunto a isto considerouse imprescindíbel denunciar estes casos diante da Inspección, para que sexa esta quen deixe constancia da súa existencia.
Diante destas situacións, outro dos acordos deste encontro foi desenvolver xornadas de formación ben desde as federacións, ben desde as comarcas, para que todas as compañeiras coñezan os mecanismos dispoñíbeis para combater o acoso e os propios protocolos.