O segundo día de folga por un convenio digno nas conservas rexistra un seguimento aínda maior que na primeira xornada
O persoal do sector das conservas de peixe deu hoxe unha novo exemplo da súa capacidade de loita e secundou de forma masiva a segunda xornada de folga convocada para reclamar un convenio colectivo digno. Ademais, coincidindo cos paros de 24 horas centos de traballadoras/es volveron participar nas masivas mobilizacións que tiveron lugar en Vigo, Vilagarcía e Boiro.
O seguimento do paro estivo incluso por riba do 90% rexistrado entre o persoal de fabricación o pasado 21 de xaneiro, a primeira xornada de folga das tres convocadas polos sindicatos maioritarios no sector, a CIG, CCOO e UGT. Tamén foron máis numerosas as protestas que se celebraron en Vigo -cunha manifestación entre o edificio da Xunta e a sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra-, Vilagarcía -cunha concentración na praza de Galiza- e en Boiro -cunha manifestación dende o Concello.
Por iso dende a central nacionalista valoran moi positivamente a resposta das empregadas/os, “que un día máis decidiron secundar unha convocatoria de folga para reivindicar un convenio colectivo con condicións dignas que inclúa incrementos salariais acorde ao momento social e económico que estamos vivindo, con un incremento da inflación terríbel e cunha subida do custe da vida insoportábel para a maioría social e para as persoas traballadoras”.
Ao mesmo tempo, consideran necesario que o futuro convenio colectivo do sector avance cara a eliminación real da fenda salarial de xénero. “A igualdade retributiva ten que ser unha realidade, e para iso é preciso concretala no convenio colectivo, que é a norma que regula os salarios”.
E tamén entenden que a creación dunha cuarta quenda de fin de semana e festivos ten que quedar regulada para que a súa aplicación non supoña un abuso por parte de ningunha empresa. “O convenio debe de incluír expresamente a participación activa da representación sindical no establecemento desta quenda, como requisito previo para a súa implantación, e ten que recoller a modalidade de contratación do colectivo de persoas que se contraten expresamente para esta cuarta quenda”.
Dende a central sindical salientan ademais o avance da negociación do convenio que se produciu na xuntanza “maratoniana” celebrada no día de onte. “Somos conscientes do esforzo das partes que conformamos a mesa de negociación, do esforzo para acadarmos un acordo e dar por rematado o conflito, mais tamén lamentamos que finalmente, e despois de 12 horas de reunión, non se lograra un acordo que permitise cando menos aprazar as folgas de hoxe e de mañá para continuar coa negociación até acadarmos un acordo definitivo”.
O aprazamento da folga non se puido producir en primeiro lugar pola diferenza existente a respecto do incremento salarial inicial para os anos 2022, 2023 e 2024, dado que a patronal propuxo como condición inamovíbel o 1%, e a parte social reclamaba o 2%, ou cando menos o 1,5%. “Isto para a CIG é fundamental porque ten moita incidencia sobre un gran colectivo de persoas traballadoras do sector, xa que a subida inicial proposta pola patronal incide negativamente sobre todas aquelas persoas que sufran un proceso de incapacidade Temporal porque percibirán menos subsidio”. Tamén vai prexudicar ás persoas traballadoras contratadas a través de ETT e ás que leven contratadas menos dun ano.
Neste senso, aclaran que a proposta da CIG de incremento salarial inicial non supón maior custe para as empresas, dado que ao incluír a cláusula de revisión salarial co IPC real de cada ano as empresas empresas abonarán igualmente esas cantidades, e partindo dun incremento inicial maior acumularán menos atrasos aos que facerlle fronte unha vez publicado o IPC real de cada ano.
O aprazamento da folga tampouco foi posíbel no último momento porque a acta confeccionada pola patronal non incluía a constitución dunha comisión para abordar a eliminación da fenda salarial.
Fenda salarial
Outra das discrepancias tivo que ver co feito de que a acta final tampouco incluía a redacción provisional proposta pola CIG de pospoñer a regulación da cuarta quenda para unha seguinte reunión, na que se puidese perfilar a redacción sen erros legais e sen confusión na súa posta en práctica.
Finalmente, dende a CIG apelan á responsabilidade da patronal e ínstana a seguir coa negociación” sen dilatala no tempo, porque temos o pleno convencemento de que o acordo está máis cerca que lonxe e porque tamén estamos convencidas/os de que acadar ese acordo vai en beneficio de todas/os”.