O sector pesqueiro demanda das forzas políticas que concorren ás Xerais un compromiso público cunha nova política pesqueira
Ante a convocatoria das eleccións xerais, máis de 50 entidades do sector pesqueiro galego, que levan traballando desde a manifestación do 27 de febreiro, consideraron a necesidade de presentar ás forzas políticas a situación na que se atopa o sector e un documento con toda unha serie de reivindicacións para o que demandaron o seu apoio.
En concreto solicitaron do BNG, PSdG, En Marea, PP e Ciudadanos que fixeran pública a súa posición a respecto destas demandas nos vindeiros días, que as incluíran nos respectivos programas electorais e que foran obxecto das decisións que adoptaran aquelas que conformen o próximo goberno.
O sector pretende que o conxunto da sociedade tome conciencia da grave situación que atravesa e que precisa dunha urxente solución. Estase a falar de 33.000 empregos directos e de todo o tecido socioeconómico intimamente vinculado ao mar.
A este respecto Xocas Rubido explicou que entre as cuestións que se recollen no documento sinálanse como prioritarias o coidado e protección do medio e o saneamanto integral das nosas rías; un cambio no sistema de cotas, que só enriquece a unha minoría; unha maior defensa do sector pesqueiro artesanal; a defensa do sector na UE; unha verdadeira política en defensa do marisqueo; medidas para apoiar a minicultura e a defensa e fomento dos produtos galegos, da súa identificación e etiquetaxe.
Ademais, Xavier Aboi, representante da FGAMT-CIG, denunciou a ausencia dunha política pesqueira e responsabilizou ao PP da actual situación. Neste sentido denunciou que na lei de Acuicultura, que xusto antes da manifestación convocada polo sector para o pasado 27 de febreiro foi retirada, o goberno da Xunta de Galiza, sustentado polo PP, apostara pola grande industria e puxo en cuestión que non o volveran facer se recuncaban no goberno.
Xunto a isto denunciou que se destinaran 30 millóns de euros, aos que a Xunta engadiu 10 millóns máis, para desguazar barcos. Cartos que asegurou que terían sido mellor investidos en apoiar directamente o sector.
Ademais anunciou que a partir de agora haberá xuntanzas con máis entidades do sector e que se repetirá o sistema que tan bo éxito tivo de cara a convocatoria daquela manifestación. “Iremos vila por vila falando coa xente para crear un movemento de presión para que se atendan as nosas demandas”.