O sector do transporte de viaxeiros/as por estrada da provincia de Pontevedra, abocado ao conflito pola actitude intransixente da patronal

A CIG proporá mobilizacións se non se producen avances na próxima xuntanza de negociación do convenio, prevista para este luns 2 de febreiro
Vigo - 29 Xan 2026

Logo de tres meses de negociación e media ducia de reunións, o acordo para renovar o convenio de persoas viaxeiras por estrada da provincia de Pontevedra segue moi lonxe pola actitude intransixente da patronal, que se nega a achegar “propostas reais” que permitan mellorar as condicións laborais. Polo que a CIG proporá a celebración de asembleas para elaborar un calendario de mobilizacións no caso de que non se produzan avances na próxima xuntanza da mesa negociadora, prevista para este luns 2 de febreiro.

“Semella que nada vai mudar na no vindeiro encontro tendo en conta a posición inmobilista do empresariado, polo que dende a FGAMT-CIG trasladarémoslle ao resto de centrais sindicais que forman parte da mesa de negociación do convenio a convocatoria de asembleas de persoas traballadoras que sirvan para elaborar un calendario de mobilizacións e de paros no sector”. 

Proporemos a celebración de asembleas para deseñar un calendario de mobilizacións e de paros

Xa que a falta de avances, a negativa a atender as “xustas reivindicacións” do persoal e a ausencia de “propostas reais” por parte da patronal “fai imposíbel” calquera acordo que mellore as condicións laborais. “Esta actitude irresponsable bloquea a negociación e amosa unha absoluta falta de vontade para dignificar o sector”.

Ante esta situación, a CIG considera imprescindible chamar á mobilización como única vía para desbloquear o convenio e defender uns dereitos laborais xustos. “Desgraciadamente estamos diante dunha patronal irresponsable e dunha Xunta de Galiza incapaz, que ten o sector sumido no máis absoluto abandono e deterioro”.

Neste senso, lembran o que está a acontecer no sector na provincia da Coruña, onde o bloqueo do convenio xa motivou varias xornadas de paros e o anuncio dunha folga indefinida a partir deste luns día 2 no caso de que non se producen avances na negociación. “Está claro que ao Goberno galego pouco ou nada lle importan as persoas usuarias do transporte público”, rematan.