O sector do metal pontevedrés convoca protestas ante a parálise das negociacións do convenio
As centrais CIG, CCOO e UGT anunciaron hoxe a convocatoria de mobilizacións ante a ruptura das negociacións do convenio colectivo provincial do sector do metal de Pontevedra por parte patronal. As protestas terán lugar este xoves día 10 en Pontevedra, Vigo e Vilagarcía. Dende a CIG instan a CCOO e UGT a “aguantar o pulso” e a “non descolgarse” das propostas que figuran no documento conxunto que recolle as reivindicacións sindicais.
Así o comunicaron hoxe os sindicatos durante as roldas de prensa celebradas nas tres localidades para informar sobre a ruptura dos contactos despois de que as organizacións patronais Asime, ATRA e Instalectra abandonasen a mesa de negociación.
Deste xeito, a primeira medida de presión será a celebración de concentracións de delegados/as sindicais do sector, que no caso de Pontevedra terá lugar diante da sede da Asociación de Empresarios/as da Pequena e Mediana Empresa ás 11:00 horas; en Vigo será ás portas de Asime ás 12:00 horas; e en Vilagarcía o lugar escollido é casa sindical, na rúa Castelao, 2, tamén ás 11:00 horas.
Segundo sinalaron os representantes sindicais nas súas comparecencias diante dos medios de comunicación, o abandono das negociacións por parte da patronal obrígaos a seguir defendendo “ noutros escenarios” un convenio que afecta a 30.000 traballadores/as en toda a provincia. “Imos pasar da negociación á acción para intentar que se volvan sentar e sermos capaces de chegar a un acordo”, indican.
Neste senso, lembran que as conversas comezaron en febreiro deste ano, e cada central sindical achegou as súas propostas co obxectivo de modernizar o convenio. O proceso paralizouse a consecuencia da pandemia cando se produciran dúas xuntanzas, “e no mes de outubro tivemos que forzar a patronal a que se volvese sentar para seguir coas negociacións”.
Xuntanzas estériles
En total celebráronse 11 reunións, “moitas delas estériles”, que remataron sen achegamentos e das que as centrais saíron coa impresión que a patronal pretendía deixar pasar o tempo. “Queren que remate este ano sen actualización do convenio, e semella que a súa intención é que tampouco se faga o ano que vén; non nos parece unha actitude responsábel, que ademais non beneficia para nada a actividade económica”.
Sosteñen que os tres sindicatos fixeron o esforzo de unificar as tres propostas -mesmo renunciando a certos avances en función da situación actual- para non dilatar o proceso, “e non estamos dispostos a pasar un ano en branco nin a aceptar recortes no convenio, sobre todo tendo en conta que o sector non deixou de traballar en todo este tempo, máis alá dos oito días nos que se paralizaron todas as actividades”.
Por iso consideran que o feito de que a patronal se levante da mesa é unha falta de respecto cara as organizacións sindicais e incluso cara aos seus propios asociados. “Con esta actitude pretende tirar proveito de xeito miserábel da situación de crise, xa que para seguir negociando esixe que retiremos puntos que foron conquistados en anteriores convenios coa loita dos traballadores/as”.
En concreto, explicaron que por exemplo pretende deixar entrar as ETT no sector ou cambiar o plus de eventualidade que se pagaba mes a mes para pasar a abonalo ao final do contrato, algo que se modificara precisamente porque moitas empresas chantaxeaban o persoal para non pagalo. E tampouco está disposta a incluír cláusulas sobre protocolos para previr o acoso sexual nas empresas.
A nivel salarial a proposta patronal é dun 0% para este ano e dun 1% para 2021, cando as reivindicacións sindicais pasan por un 1% para este ano e un 2% para o que vén. “En todo momento estivemos dispostos a negociar, e mesmo fixemos novas achegas, pero a patronal só quere que negociemos a partir das súas propostas, como por exemplo a respecto da subrogación do persoal entre empresas privadas, que para nós é unha cuestión moi importante”.
Chamamento a CCOO e UGT
O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, que participou na rolda de prensa de Vilagarcía, fixo un chamamento a CCOO e UGT “para que aguanten o pulso e non se descolguen das propostas que figuran no documento conxunto que elaboramos coas nosas reivindicacións”.
Neste senso, quixo deixar moi claro que a CIG non vai aceptar nunca un acordo que pase por eliminar a cláusula que prohíbe as ETT no sector ou por renunciar ao plus de eventualidade, “tal e como están redactadas”.