O sector do comercio do metal pontevedrés retoma as protestas en Vigo para forzar a negociación do convenio
Traballadores/as e delegados/as sindicais do sector do comercio do metal da provincia de Pontevedra retomaron hoxe as mobilizacións para reclamar o desbloqueo das negociación do convenio colectivo digno e rexeitar a “proposta miserenta” da patronal. Nesta ocasión desenvolveron unha concentración diante da sede da Confederación de Empresarios de 11:00 a 12:00 horas.
Dende a CIG, CCOO e UGT consideran “miserenta” a última proposta de convenio achegada polo empresariado: vixencia do convenio dende 2020 a 2023; sen incremento salarial nos dous primeiros anos anos, mentres que para 2022 ofrecen un 6,5% (dende xaneiro e sen revisión salarial) e para 2023 a suba sería do 3% “con revisión salarial topada nun 4%”. A proposta non contempla nin redución de xornada anual nin outras melloras das condicións laborais.
En consecuencia, o persoal do sector e as centrais sindicais decidiron iniciar unha campaña de información e de mobilizacións o pasado 8 de xuño, ao tempo que anunciaban que non descartaban incluso unha convocatoria de folga. Agora, tras a actitude inmobilista que está a amosar a patronal optaron tamén por solicitar a mediación do AGA.
O convenio colectivo do sector do comercio metal abrangue actividades como comercio de electrodomésticos, ferretería e material de oficina; recambios e accesorios de vehículos; almacenistas-maioristas de material eléctrico; maquinaria en xeral; xoiaría, prataría, reloxaría, así como concesionarios de vehículos e establecementos de venda de neumáticos.