O sector de transporte de viaxeiras/os irá á folga os días 27 e 28 de abril en toda Galiza
CIG, CCOO e UGT anuncian a convocatoria de folga, para os días 27 e 28 de abril, no sector do transporte de viaxeiros de toda Galiza para denunciar a paralización na negociación dos catro convenios provinciais, a situación precaria do sector (tanto no relativo ás condicións laborais como á propia prestación do servizo) e os reiterados problemas de seguridade que presentan os vehículos.
Teñen acordado, ademais, a convocatoria dunha concentración diante da Estación de Autobuses de Santiago de Compostela, o próximo día 25 de abril, para saír posteriormente en manifestación até o Parlamento de Galiza.
Xunto a isto solicitarán a convocatoria da Mesa Galega e xa anuncian que, de non se atender as súas demandas convocarán folga indefinida nas catro provincias, a partir do día 8 de maio.
As organizacións sindicais denuncian que nas provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense as mesas estanse reunindo pero non se producen avances, mentres que en Lugo a comisión negociadora nin sequera se xunta dende o ano 2017. Critican a postura intransixente da patronal, que pretende liquidar a negociación cunha suba miserenta do 0.8% para os anos de vixencia dos convenios. Un incremento irrisorio tendo en conta que o custe da vida está disparado, que non garante a actualización dos salarios, e que suporía consolidar a perda do poder adquisitivo acumulado ao non contemplar ningunha cláusula de revisión.
Ademais da cuestión económica, o persoal engade outras demandas como melloras na situación do persoal acompañante (maioritariamente mulleres que padecen condicións de absoluta precariedade, con contratos de até media hora), na xornada laboral, no dereito á conciliación laboral e familiar ou nos permisos retribuídos.
Canda isto denuncian que os cadros de persoal están “mal dimensionados” e que os incumprimentos do convenio son reiterados, o que está provocando que “cada vez haxa menos xente que queira traballar neste sector polas malísimas condicións de traballo que existen”.
Responsabilidade da Xunta de Galiza
Con estas convocatorias de folga tamén se quere denunciar publicamente a situación do sector, "que vive o seu peor momento", tanto pola precarización das condicións de traballo como polas deficiencias na prestación do propio servizo. Un deterioro do que ten responsabilidade directa a Xunta de Galiza.
A este respecto, denuncian a negativa de Mobilidade a convocar a comisión de seguimento dos contratos, a pesar das reiteradas peticións das centrais sindicais, alegando que a adxudicación está xudicializada. A isto engaden que o Goberno galego sacou uns concursos deficitarios aos que as empresas concorreron rebaixando as ofertas até un 30% sobre o prezo de saída, na idea de tirar beneficio a conta de explotar o persoal, precarizar as condicións de traballo e prestar un servizo deficiente.
Xunto a isto denuncian o lamentábel estado da flota de autobuses, con vehículos moi vellos, aos que non se lle fai o mantemento adecuado, e que sofren avarías constantes que poñen en risco a seguridade de usuarias/os e condutores/as. E engaden que as antigüidades dos autobuses, na maioría dos casos, non se corresponden co que ofertaron as empresas nos concursos para obter mellor puntuación. De aí que insistan na necesidade urxente de que a Xunta exerza o seu labor inspector para garantir que se cumpren os pregos e a seguridade viaria.