O sector de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra, en pé por unhas condicións dignas
O sector de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra, que emprega a unhas 6500 persoas, botouse hoxe á rúa para reclamar un convenio colectivo digno con salarios xustos tras 11 anos cos soldos conxelados. De xeito que o paro de tres horas (de 12:00 a 15:00) convocado pola CIG rexistrou un amplo seguimento e un bo número de traballadoras/es aproveitaron a xornada para mobilizarse diante da Confederación de Empresarios (CEP) en Vigo.
A folga parcial, que afectou as principais asesorías da provincia, chegou tras varias xuntanzas da mesa negociadora, nas que a patronal achegou “propostas irrisorias” que non satisfán minimamente as pretensións da parte social e supoñen un ataque aos dereitos consolidados. De feito, o empresariado pretende conxelar a antigüidade “a cambio de migallas” (500 euros nun pago único que non pasaría a táboas) e actualizar os salarios de 2024 cunha suba do 10% sobre os soldos de 2012, mentres que para 2025 o incremento sería só dun 3%.
Cando na actualidade todas as categorías laborais do sector (excepto titulada/o superior e titulada/o media/o) perciben soldos por debaixo do SMI, tendo en conta que os salarios non se actualizan dende hai 11 anos. Por iso durante a protesta diante da sede da CEP, que se desenvolveu de 13:00 a 15:00 horas, a consigna máis coreada foi “Por un convenio xusto, por un salario digno”, “Se sube o IPC, os salarios tamén”, ademais da tradicional “Convenio de oficinas solución”.
Dende a CIG-Banca valoraron moi positivamente a resposta do persoal dun sector que non adoita rexistrar conflitividade “pero que non está disposto a aturar máis esta situación de precariedade, polo que imos agardar ao que sucede na xuntanza da mesa negociadora que terá lugar o vindeiro mércores 8 de novembro; a partir de aí, en función da actitude da patronal, decidiremos os seguintes pasos a dar co obxectivo de lograr unha melloras das condicións laborais”.